
A Concellería de Xuventude de Vilagarcía vai impulsar o mes que vén un curso de balde sobre Deseño Prototipado por Impresión 3D [3]. A actividade formativa, cuxo prazo de inscrición foi ampliado (aínda estamos a tempo para formalizar a nosa participación), desenvolverase entre o primeiro de outubro e o 2 de decembro no Centro Municipal de Formación de Matosinhos (Vilagarcía). O obradoiro está dirixido á mocidade de 16 a 30 anos e ofértase a través do proxecto Millennials da Deputación de Pontevedra cuxo obxectivo é mellorar a empregabilidade e facilitar o acceso ao mercado laboral da mocidade. Os interesados poden anotarse a través da páxina web deste proxecto [4].
Poderán concorrer até un máximo de dezaoito mozas e mozos en desemprego de idades entre os 16 e os 30 anos. O curso, subvencionado polo Fondo Social Europeo, é unha actividade de gran potencial e interese para fortalecer as opcións dos alumnos de atoparen un traballo, xa que a experiencia en impresión 3D e en moitas das tecnoloxías que rodean esta contorna creativa están a ser requiridas por unha chea de empresas e entidades no mercado laboral. O curso ten unha duración de 316 horas, das cales 200 son horas lectivas, 16 horas de titorías técnicas e de empregabilidade, e 100 horas de carga estimada de traballo do alumnado en proxectos individualizados. A formación será impartida por profesionais/formadores coñecedores do sector e que dispoñen de contactos continuos con empresas do sector e que colaborarán na inserción laboral dos alumnos. Polo que se refire aos contidos, estes son os bloques principais: Módulo de deseño industrial CAD, Módulo de mecanizado CNC, Módulo de impresión 3D e Empregabilidade.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10228.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.vilagarcia.es/novas/rtdo2.asp?idnoticia=10885
[4] https://www.depo.gal/proxecto_millennials