A empresa tecnolóxico-dixital Coremain, con sede principal en Compostela (no Polígono de Costa Vella) vén de obter un máis que relevante recoñecemento polos seus esforzos en materia de fendas sociais e laborais. Máis en detalle, foi elixida polos responsábeis do Informe Ardán, edición 2019, como a empresa co índice de igualdade de xénero máis alto de toda Galicia [3]. A investigación (un máis que referencial xeito de tomar o pulo ao noso tecido produtivo, salientando os seus puntos máis innovadores, referenciais e competitivos) foi elaboradora, novamente, polo Consorcio da Zona Franca de Vigo, en colaboración coa Universidade.
Segundo informa Coremain, o dito recoñecemento conseguiuse “grazas ao plan de igualdade transversal que vimos desenvolvendo de maneira colaborativa e para o que creamos unha Comisión de Igualdade encargada de avaliar e realizar o seguimento das diferentes medidas postas en marcha”. A día de hoxe, Coremain está integrada por 403 persoas, das que o 37% son mulleres, sendo no 63% dos casos contratacións de carácter indefinido. Ademais, o 46% dos postos de responsabilidade son ocupados por mulleres. A empresa TIC tamén lembra que se trata do segundo ano que Ardán incorpora este indicador no seu informe, para o que se analizaron 393 empresas do ámbito galego con valoracións de entre 0 e 1.000 puntos. Para dar forma á resolución deste parámetro, avaliáronse indicadores na igualdade por funcións, retribucións e actuacións, como a calidade da contratación, o treito salarial, o tipo de xornada, a posición xerárquica e outras medidas como a formación, promoción ou conciliación laboral. A partir da devandita análise, déuselle forma a un ranking coas 22 empresas que sobranceaban por acadar un nivel de igualdade laboral “moi superior á media, con máis de 800 puntos acumulados”. A firma TIC de Compostela, Coremain, resultou ser a compañía con mellor puntuación.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10208.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.coremain.com/empresa-galicia-igualdad-genero/