
A aula CeMIT de Ribeira vai organizar este mes de agosto dous cursos de balde con software libre sobre novas tecnoloxías dirixidos aos máis novos e impartidos por Manuel Bello, novo axente TIC encargado da xestión desta dependencia. A concelleira de Administración, Innovación Tecnolóxica e Transparencia, Atención e Participación Cidadá, Ana Barreiro, manifestou na presentación destes cursos que se trata “dunha aposta pola alfabetización dixital e inclusión tecnolóxica dos cidadáns e cidadás e, como estamos en temporada estival, tócalle aos máis pequenos da casa.” Deste xeito, dixo, contribúese á conciliación.
O primeiro comprende o tramo de idade de 6 a 9 anos e desenvolverase do 6 ao 16 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo total de 18 horas lectivas. Entre a materia impartida atópase o manexo básico do sistema (accesorios do sistema, crear carpetas e ordenar datos), coñecer o teclado, edición básica de texto, debuxar co ordenador, buscar imaxes en Internet, ordenar fotos e crear unha montaxe de imaxes. O segundo treito comprende a rapazada de 10 a 14 anos, desenvolvéndose do 20 ao 30 de agosto, en horario de 10.00 a 12.00 horas, cun cómputo total de 18 horas lectivas. Os asistentes aprenderán a manipulación de imaxes (descargar fotos de Internet, retocar e crear montaxe de imaxes), editar son e vídeo (descargar de Youtube, editar as descargas e engadir son). O Concello explicou que existe un límite de prazas establecido en 12 para cada unha das accións formativas e as inscricións estarán abertas desde o 29 de xullo ao 2 de agosto, podendo formalizarse tanto na páxina web do Concello www.ribeira.gal [3], dentro do apartado Aula CeMIT, coma nas propias instalacións situadas debaixo da escola infantil municipal, na rúa Cubeliños 1.
Por outra banda, a concelleira lembrou que a aula CeMIT está aberta para calquera persoa que queira facer consultas ou suxestións sobre aspectos relacionados coas novas tecnoloxías.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10116.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.riveira.gal/