
A Deputación de Ourense, a través da iniciativa ICC Kids, está a fornecer á rapazada este verán dun amplo programa de propostas tecnolóxicas creativas e argalleiras [3]. O programa, que se desenvolve en colaboración con cinco concellos, inclúe obradoiros de deseño de videoxogos, cinema 3D, robótica, realidade virtual, impresión 3D e audiovisual.
Os talleres de verán da ICC Kids teñen como obxectivo “ensinar a pensar a través de distintos programas educativos nos que o emprego da tecnoloxía como ferramenta creativa é o eixo principal da actividade”, en palabras da Deputación, que explica que o programa inclúe cinco obradoiros semanais, con xornadas que durarán desde as 10.00 horas ás 13.00 horas, e levaranse a cabo entre o 29 de xullo e o 30 de agosto cun total de 140 prazas para asistentes con idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos. Esta oferta recreativa poderase gozar nos municipios de Ribadavia, Celanova, O Carballiño, Bande e Xinzo de Limia.
As accións divulgativas son de balde, con prazas limitadas, e requiren de inscrición previa que poderá realizarse online ou nas propias aulas CeMIT dos concellos, a partir do día 9 de xullo. Segundo engade a entidade provincial, “con estes obradoiros preténdese crear unha experiencia interactiva na que os participantes non só observen, senón que tamén constrúan, movan, debuxen e creen o seu propio entorno dixital”. Para isto, “contarán cunha plataforma coa que crear, explorar e compartir mundos tridimensionais”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10086.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] http://www.depourense.es/index.php/actualidade/4294-a-deputacion-de-ourense-propon-talleres-tecnoloxicos-para-a-mocidade-ourensa