
A aula CeMIT de Celanova, un espazo cuxo obxectivo é achegar as novas tecnoloxías aos veciños, recibe cada día entre 7 e 12 usuarios, que acoden á chamada aula aberta utilizando a ducia de ordenadores públicos dispoñibles para navegar por internet. Desde o servizo municipal aseguran que "a resposta de toda a xente é moi boa", mostrándose moi receptivos aos diferentes cursos organizados nela. De feito, "temos unha media de nove usuarios inscritos en tódalas actividades", explica a responsable da aula, Laura Fernández. Neste sentido, no que vai de ano, a CeMIT de Celanova rexistrou 105 novas altas de usuarios.
"O tipo de actividades é moi variado", explica Laura Fernández, ofrecendo cursos sobre o manexo básico do computador ata outros máis avanzados centrados en programas ou aplicacións concretas. Nesta oferta realízanse propostas tanto para os máis pequenos como para usuarios de 90 anos, aínda que é a franxa de entre 45 e 70 anos a que máis acode á aula, situada no Parque das Triguerizas.
A aula imparte na actualidade tres cursos, que se desenvolverán ata o final do mes. Por unha banda, celebran dous programas formativos de iniciación á informática e a internet con dous grupos, un de maiores de 70 anos e un segundo de entre 60 e 65 anos. Ao mesmo tempo, acollen outro curso de manexo de smartphone con nove usuarios maiores de 65 anos.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10045.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()