O vindeiro 22 de setembro, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración con Academia Postal e Fundetec, pon en marcha a iniciativa Faite Dixit@l, un itinerario de capacitación tecnolóxica orientado a ofrecer aos participantes ferramentas e coñecementos que favorezan a empregabilidade, o emprendemento e a adquisición de novas competencias dixitais. Faite dixit@l está aberto a todo mundo e contempla máis de 160 actividades gratuítas ata o mes de decembro, superando as 500 horas de duración.
A iniciativa foi presentada esta mañá pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, o coordinador de proxectos de Academia Postal, Miguel Caneda e a xerente de proxectos de Fundetec, Lourdes Iglesias.
Actividades e inscrición
O itinerario ofrece como actividades centrais bloques temáticos sobre a configuración de dispositivos móbiles e a programación de aplicacións, sobre ferramentas web 2.0 para o desenvolvemento de contidos especializados no eido da sociedade da información e sobre estratexias de marketing online e a súa aplicación no eido do comercio electrónico e de vendas por internet. Outros módulos máis orientados a obter o máximo proveito das TIC son os que se centran no uso de la identidade dixital e dos servizos electrónicos das administracións públicas.
Cada unha destas actividades terá unha duración entre 25 e 30 horas, repartidas en sesións diarias de 4 horas a través do sistema de videoconferencia do que dispoñeen as aulas CeMIT, e que contarán con edicións de mañán ou tarde para favorecer a asistencia dos interesados.
Os contidos destas actividades están específicamente deseñados para o proxecto e os usuarios terán a súa disposición asesoramento para avaliar a súa evolución. Os interesados en sumarse á Faite Dixit@l poderán inscribirse a partir do cinco de setembro nas aulas da Rede Cemit e a través da web, www.cemit.xunta.es, onde atopará a información desta inicitiva dispoñible tamén a través dos canais de Faite Dixital en Facebook. e Twitter.
Ademais Faite Dixit@l ofrece actividades complementarias como seminarios de expertos a través da fórmula “PechaKucha”, presentacións creativas de curta duración sobre experiencias no eido das TIC así como casos de éxito e seminarios de mentores dixitais. Tamén se convocará un concurso de aplicacións móbiles, cuxo prazo se abrirá o 6 de outubro.
Estas actividades, que ofertan máis de 2.000 prazas, realizaranse a través da Rede de Aulas CeMIT que coordina a Amtega e que conta con 98 centros en 92 concellos. Para ampliar o seu alcance territorial Faite Dixt@l conta coa colaboración dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDRs) e da Asociación de Redeiras de Galicia, que axudarán a difundir a iniciativa e a ampliar o alcance destas actividades de xeito presencial naquelas localidades sen aulas CeMIT.
Incrementar a capacitación dixital da cidadanía, obxectivo da nova Axenda Dixital
A directora da Amtega explicou que esta esta iniciativa enmárcase nun dos obxectivos principais da nova Axenda Dixital de Galicia 2020 que se está a elaborar: “a de Incrementar a capacitación dixital das persoas, acadando a plena integración das TIC na práctica educativa e posibilitando a inclusión dixital de toda a cidadanía.”
Este obxectivo busca avanzar nas liñas de actuación desenvolvidas ata agora pola primeira Axenda Dixital de Galicia 2014.gal que puxo en marcha iniciativas como Abalar no eido educativo e a rede de aulas CeMIt, chave nesta iniciativa. Unha rede que suma 98 aulas en 92 concellos, e que está presente nas 53 comarcas galegas. En tres anos leva impartida máis de 123.000 horas de formación TIC gratuíta e conta con máis de 37.300 usuarios rexistrados. Ofrece cursos de alfabetización dixital para os colectivos con máis dificultades de acceso ás TIC e tamén formación especializada para profesionais.
Máis información
Para máis información sobre a iniciativa: Díptico de Faite Dixit@l
Rexístrate como: