
A importancia da tecnoloxía para as persoas con discapacidade queda patente no éxito que teñen os cursos para aprender a desenvolver aplicacións dirixidas a persoas con trastorno do espectro autista (TEA) que organiza a Fundación Orange e a Universidade Autónoma de Madrid.
A próxima semana dará comezo a quinta edición destes cursos que cada vez teñen unha maior demanda entre os estudantes que queren aprender a cubrir cunha aplicación as necesidades de nenos e calquera persoa con TEA.
A primeira edición destes cursos celebrouse no ano 2016 e nela participaron 50 alumnos. Desde entón, o número de estudantes non parou de crecer e nesta ocasión están apuntadas 500 persoas e moitas outras están en lista de espera.
A propia Fundación Orange destaca como nos últimos anos os dispositivos móbiles como tabletas ou smartphones convertéronse en grandes compañeiros de moitas persoas con TEA, o que derivou nun crecente interese no desenvolvemento de aplicacións dirixidas a estas persoas.
Con todo, a proliferación de apps dirixidas a nenos e persoas con TEA leva tamén unha serie de retos, como atopar a mellor maneira de utilizar estes dispositivos para axudar aos seus usuarios.
O curso, que comeza o 24 de setembro, é online e divídese en 16 unidades que van desde os conceptos máis básicos ata as últimas investigacións no ámbito da tecnoloxía para persoas con TEA.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_9179.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()