
A Vicerreitoría do Campus de Pontevedra (UVigo) vén de presentar os seus cursos de verán [3]: catro actividades formativas que teñen aberto xa o prazo de inscrición e que mostran o nexo común de abrir xanelas ás tecnoloxías do futuro e motivar as capacidades creativas e innovadoras que todas e todos levamos dentro. Os cursos xirarán arredor das seguintes temáticas: a aplicación dos últimos avances da neurociencia no proceso de aprendizaxe, as posibilidades que achega á produción artística a impresión tridimensional, as novas tendencias na prevención e recuperacións de lesións no deporte e as posibilidades que outorga a robótica e o encerado dixital no ensino das ciencias. Con 250 prazas, contando todos os obradoiros, estes estarán novamente abertos á participación de toda a cidadanía. Desenvolveranse no mes de xuño nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes e nelas combínanse “novas propostas que serven tamén para completar a formación do alumnado do campus, xunto con cursos que tiveron moi boa acollida en anteriores edicións”, como salienta o director da Área de Extensión Cultural do Campus, Manuel Morquecho.
Neurociencia na escola
“As últimas investigacións en neurobioloxía sobre o funcionamento do noso cerebro na aprendizaxe demostran cousas que xa sabíamos pero que non se aplican, como que o aumento da consolidación de novos coñecementos está relacionado coa creatividade, coa curiosidade, co movemento, coa autonomía, é dicir con factores de motivación intrínseca”, salienta a profesora de Ciencias da Educación e do Deporte, Margarita Pino, responsable de Aplicacións da neuroeducación na escola [4]. Entre o 4 e 8 de xuño, investigadores e investigadoras do grupo Gies-10, que coordina esta docente, e da rede Ries abordarán técnicas e estratéxicas para aumentar a motivación do alumnado na aula.
Ciencias con robótica
Nesta facultade desenvolverase tamén, entre o 5 e o 21 de marzo, Ensinar ciencias con robótica, programación e produción de contidos multimedia para encerado dixital [5], un obradoiro coordinado pola profesora María Álvarez Lires que dá continuidade aos cursos de verán celebrados nos últimos anos, incorporando novos contidos. Nese senso, o manexo do kit Science Learning Resources e o desenvolvemento de novas actividades interactivas para o encerado dixital figuran entre os novos contidos dun taller dirixido a “desenvolver as competencias tecnocientíficas do futuro profesorado”, como sinala outra das responsables desta actividade, a investigadora María Lorenzo.
Deporte e tecnoloxía
Outra das actividades é Estratexias para a prevención e recuperación de lesións na actividade física e o deporte [6], un curso dirixido polo catedrático Carlos Lago que dá continuidade a seminarios anteriores poñendo o foco novas tendencias na prevención e recuperación de lesións, dar a coñecer as posibilidades laborais que no eido do deporte. De carácter práctico e dirixido tanto a estudantes e profesionais vinculados ao eido do deporte como ao sanitario, o curso que se desenvolverá entre o 4 e o 6 de xuño en Ciencias da Educación e do Deporte reunirá no campus a “profesionais excelentes” formados ou vinculados a esta facultade.
Impresión dixital en 3D
Por último, tamén o 4 de xuño dará comezo, na Facultade de Belas Artes, outra das novidades desta oferta formativa, o curso Facendo físico o intanxible. Introdución á impresión dixital tridimensional [7], unha actividade que dá continuidade a outros obradoiros sobre impresión 3D que se desenvolven no campus centrándose desta volta “no aspecto creativo desta tecnolóxica e as súas posibles aplicacións no ámbito das artes plásticas e belas artes en xeral”, como sinala o seu responsable, Ignacio Pérez.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8386.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] https://duvi.uvigo.gal/duvi_gl/contenido/artigos/academicas/2018/03/artigo_0010.html
[4] https://culturxest.uvigo.es/WebCulturaUVigo/actividades/datos.jsp?idActividad=1614
[5] https://culturxest.uvigo.es/WebCulturaUVigo/actividades/datos.jsp?idActividad=1615
[6] https://culturxest.uvigo.es/WebCulturaUVigo/actividades/datos.jsp?idActividad=1613
[7] https://culturxest.uvigo.es/WebCulturaUVigo/actividades/datos.jsp?idActividad=1612