
O proxecto de negocio SmartWood xurdido ao abeiro da USC vén de obter un importante recoñecemento estatal en materia de innovación: o primeiro premio da Greenweekend [3] que promove o portal de emprego Enviroo para visualizar, distinguir e impulsar as máis relevantes propostas do ámbito das tecnoloxías verdes. Segundo nos lembra a Universidade de Santiago, SmartWood vén da man do investigador de doutoramento do Campus Terra José Luis Gude (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría) e trátase dunha ferramenta dixital que ofrece aos usuarios asesoramento e axuda para o optimizar o rendemento de parcelas forestais [4]. No certame de Greenweekend acabado de resolver participaron arredor de 30 emprendedores do sector ambiental interesados no desenvolvemento de proxectos que contribúan a dinamizar a chamada economía verde.
Máis polo miúdo, o proxecto SmartWood consiste nunha ferramenta dixital baseada en sistemas de información xeográfica e datos recollidos por drons que axuda a unha planificación forestal “máis eficiente e sustentable”. A iniciativa, que vén colleitando outros recoñecementos dende a súa orixe, tivo ocasión de fortalecerse e coller pulo ao abeiro de Yuzz Lugo, o programa-palestra de emprendemento do Banco Santander desenvolvido en colaboración coas universidades (neste caso concreto a de Santiago).
Segundo indica Gude, trátase dunha aplicación tecnolóxica feita a medida dos propietarios de parcelas forestais, con capacidade para mellorar o rendemento económico das fincas ao xeito dun asistente interactivo. Neste senso, SmartWood ofrece recomendacións e información sobre cales son as plantacións máis rendibles para cada parcela, complementando este servizo dun mercado dixital (marketplace) que xunta produtores e empresas dos servizos forestais.
O proxecto SmartWood, xerminado inicialmente por Gude, é agora unha startup en fase de constitución, impulsada por José Luis Gude con Begoña L. Castro e Siro González Rodríguez, dous emprendedores cos que coincidiu na edición do programa Yuzz Lugo deste ano.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_7663.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] http://greenweekend.org/
[4] http://xornal.usc.es/xornal/acontece/2017_10/noticia_0144.html