
Tuukka Ojala é un mozo finlandés desenvolvedor de software, músico, adicto á lectura e amante do bo té. Ademais é cego, e recentemente explicaba como é posible para el traballar nunha disciplina tan complexa.
Tuukka utiliza unha contorna de traballo moi especial no que hai un teclado e unha pantalla, pero non rato, e no que un lector de pantalla permítelle "ver" o que está a pasar en cada momento coas súas aplicacións abertas. Ese lector de pantalla lelle o que pasa a unha velocidade de vertixe: nada menos que 450 palabras por minuto, cando normalmente falamos a 120-150 palabras por minuto.
O desenvolvedor explicaba no seu blogue e en formato entrevista como utiliza o computador para desenvolver aplicacións web sobre todo na parte do backend. Para ese traballo fai uso de Windows 10, cun software adicional que como el di "é onde ocorre a maxia".
O programa que lle permite interactuar cos seus dispositivos para programar eses servizos é o lector de pantalla (screen reader), unha aplicación que presenta a información ben mediante unha pantalla braille separada, ou ben mediante unha voz sintetizada. Neste caso concreto esa ferramenta é NVDA [3], unha aplicación Open source.
Esa voz fai uso tanto do finlandés como do inglés para irlle transmitindo a Tuukka toda a información que necesita, e vai cambiando de idioma segundo a situación. O sorprendente é, como el explicaba, que mentres que normalmente unha persoa que fala en inglés faino a entre 120 e 150 palabras por minuto, este software sintetiza esa voz a 450 palabras por minuto.
Outra das curiosidades desa singular contorna de traballo é a súa elección para a plataforma de traballo, que é Windows e non macOS ou Linux. Como explicaba no seu blogue, "Windows é o sistema operativo máis accesible que hai".
Aínda que confesa que en macOS hai un equilibrio fantástico entre a usabilidade e a funcionalidade, o servizo VoiceOver que está integrado no sistema operativo non funciona nin se adapta o suficientemente ben ao seu modo de traballar.
Menciona tamén un lector de pantalla para a contorna de escritorio GNOME en Linux, pero a pesar do seu bo comportamento, tampouco se axusta do todo ao que el necesita. Iso si, explica que estivo compensando as deficiencias de Windows no terreo da liña de comandos —coa que traballa case ao 100% ao non necesitar unha contorna visual— grazas ao uso de Git Bash, que inclúe diversas utilidades e comandos GNU. Sorprendente, admirable e, desde logo, fantástico.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/1366_2000_1.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] https://www.nvaccess.org/