
O Servizo Galego de Saúde, a través da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia- 061 está a poñer en marcha o programa Acude e Axuda. O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou esta mañá que se trata dun proxecto realizado xunto coa Cruz Vermella de Galicia e a Sociedade Española de Cardioloxía para a atención precoz a todo o proceso de atención á parada cardiorrespiratoria fóra dos centros sanitarios -en lugares públicos- e realizado por voluntarios acreditados.
Ata o de agora, a aparición dunha persoa con formación en reanimación cardiopulmonar no lugar do evento antes da chegada dos medios sanitarios era unicamente fortuíta. A coordinación a través do voluntariado dunha organización con experiencia como a Cruz Vermella fai que os tempos podan reducirse e con isto incrementar as posibilidades de supervivencia do paciente.
Neste sentido, Vázquez Almuiña salientou que o 061 atende cada ano en Galicia arredor de 780 incidentes por morte súbita ocorridos fóra do hospital; e que nestes casos a probabilidade de supervivencia en persoas que foron reanimadas con masaxe cardíaca se duplica fronte a aqueles aos que non se lles aplicaron técnicas de reanimación cardiopulmonar.
Isto, afirmou, sumado ás características poboacionais e orográficas da Comunidade Autónoma -con altas cifras de dispersión-, fai que a formación en técnicas de soporte vital básico e que a cidadanía conte con ferramentas que faciliten intervencións efectivas nestas situacións resulta imprescindible.
O proxecto Acude e Axuda pretende rematar cun rexistro de persoas formadas en soporte vital básico para poder ser activadas en caso de estar próximas a un evento; así como un rexistro e localización dos desfibriladores semiautomáticos (DESA) para achegalos no menor tempo posible á persoa que o precisa.
Trata fundamentalmente de coordinar a persoal voluntario, inicialmente a rede de voluntarios da Cruz Vermella, que recibirán un aviso vía aplicación de smartphone por parte do 061 ante a aparición dunha alerta de parada cardíaca. A coordinación inclúe as decisións para mobilizar aos voluntarios máis próximos ao evento, tanto para a atención directa á parada como para recoller un desfibrilador na zona. Todo elo, por suposto, ata que cheguen os servizos sanitarios do 061.
Jesús Vázquez Almuiña destacou que o seu departamento valorará o proxecto piloto na cidade de Santiago, iniciado o pasado mes de outubro, coa idea de extendelo ao resto de Galicia. A app é un sistema de comunicación en tempo real cos voluntarios no ámbito inicial da cidade para ofrecer unha atención básica integral á parada cardiorespiratoria.
Está baseado na rede de voluntarios formados de Cruz Vermella e xestionada en torno a unha aplicación do teléfono móbil que permite a mensaxeiría de alertas e a xeolocalización de voluntarios e dispositivos; que estarían en permanente comunicación e coordinación coa central de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
O proceso se activaría cando se chama ao 061 (dende a app ou ben dende un móbil) por un paciente con parada cardíaca. Na central do 061 recíbese a chamada, localízase ao paciente e envíase a ambulancia. En paralelo, o 061 inicia a localización de voluntarios e DESA máis próximos; o voluntario recibe o aviso e segue as indicacións do 061, recolle o DESA e chegan ao lugar da parada ao tempo que se aproximan os recursos do 061 para realizar a RCP.
O desenvolvemento da app utilizada nesta iniciativa enmarcouse nos programas Innova Saúde e Hospital 2050, que buscan seguir modernizando a sanidade pública galega.
De todas as situacións de emerxencia, a parada cardiorrespiratoria (PCR) representa o paradigma no que a actuación precoz e con medios axeitados condiciona o prognóstico en canto á recuperación da vida e a minimización das posibles secuelas.
Durante o ano 2015, rexistráronse un total de 673 RCP que foron realizadas polos recursos de soporte vital avanzado ou soporte vital básico (DESA) de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
As causas máis frecuentes da parada cardiorrespiratoria nos adultos son a fibrilación ventricular e a taquicardia ventricular sen pulso, e teñen como único tratamento a desfibrilación eléctrica. Nestas situacións a dispoñibilidade inmediata de medios técnicos -os desfibriladores- e humanos -os voluntarios- resultan imprescindibles para abordar con éxito as manobras de reanimación, co apoio das Urxencias Sanitarias garantindo a continuidade asistencial.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/161118_image_gallery.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()