
ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, do grupo de empresas sociais da ONCE e a súa Fundación, participou no "IV Simposio Iberoamericano de Emprego con Apoio. Boas prácticas. Novos retos", no que presentou EcaTIC, unha aplicación para a inclusión laboral e eficiente de distintos perfís de persoas con discapacidade.
Durante o simposio, que se celebrou os días 4 e 5 de agosto en Buenos Aires, Arxentina, a directora de Accesibilidade Tecnolóxica e Estudos de ILUNION, Verónica Martorell, explicou o funcionamento desta ferramenta no relatorio"EcaTIC, Emprego con Apoio e TIC, aplicacións sobre tableta" e realizou unha demostración práctica de como se utiliza no día a día.
Martorell sinalou que "EcaTIC é unha aplicación con distintas contornas de traballo; a do titor da empresa e o preparador, que deseñan conxuntamente a planificación laboral do empregado; e a do traballador, que a utiliza como ferramenta de consulta, organización e seguimento".
No caso de seguimento de tarefas, esta ferramenta facilita igualmente que o preparador non teña que estar presencialmente no lugar de traballo, co que lle aforra tempo e, nalgúns casos, diminúe a estigmatización social das persoas con discapacidade.
Pola súa banda, o empregado gaña seguridade e consegue eficacia e calidade no traballo. Esta aplicación móstralle a listaxe de tarefas programadas para o día, paso a paso e de forma adaptada á súa discapacidade. Ademais de dispor, entre outras funcionalidades, de calendario, materiais de apoio, mapas e apartado de axuda. Esta última, permite facer unha vídeo chamada por Face Time ou enviar un correo electrónico ao preparador en calquera momento.
O proxecto empezou a fraguarse en 2012. En 2013 fíxose unha primeira versión e en 2015 a Fundación ONCE puxo a aplicación a disposición das entidades da discapacidade.
Martorell destacou que "esta é unha aplicación de éxito porque se realizou cun modelo participativo, coñecido como Design thinking, no que colaboraron usuarios e preparadores desde o primeiro momento. Fíxose unha toma de requisitos das persoas con discapacidade e dos preparadores e sóubose combinar as necesidades que tiñan uns e outros".
ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade traballa para que a sociedade sexa cada vez máis inclusiva e achega o seu coñecemento e experiencia para que as institucións e empresas poidan ofrecer a súa información e servizos de forma adecuada a todo o mundo´
ILUNION
ILUNION é o grupo empresarial da ONCE e a súa Fundación, referente na creación de emprego de calidade para persoas con discapacidade en España. Cun persoal de máis de 32.000 traballadores, dos cales o 35% son persoas con discapacidade, é un proxecto empresarial socialmente responsable que desenvolve a súa actividade con criterios de rendibilidade económica e social.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/160811_ecatic_ilunion.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()