
ILUNION Outsourcing incorporou o software SVisual ao servizo Atendo que presta a Renfe, co fin de que as persoas xordas reciban unha atención personalizada nas estacións de tren.
Con esta incorporación, ILUNION reforza o servizo que presta en Madrid-Chamartín, Madrid-Porta de Atocha, Barcelona-Sans, Málaga, Sevilla-Santa Xusta, Alacante, Valencia-Joaquín Sorolla, Zaragoza-Delicias, Córdoba e proximamente Vigo-Urzaiz. A implantación no resto de estacións da rede de ferrocarril, nas que os operarios de mobilidade xa están presentes, será progresiva.
Para poder atender ás persoas xordas, os profesionais de ILUNION contarán cunha tableta na que se instalou SVisual. Este software foi posto en marcha pola Fundación CNSE en 2009 e permite a comunicación a distancia, e en tempo real, entre interlocutores xordos e oíntes, a través dun vídeo-intérprete, utilizando para iso a lingua de signos ou a modalidade comunicativa que elixan.
Servizo Atendo
ILUNION presta este servizo desde o seu nacemento, no ano 2007. O persoal de Atendo conta cunha boa formación e unha ampla experiencia. O seu traballo foi moi ben valorado polos usuarios (un 8,55 sobre 10) nas últimas enquisas de satisfacción realizadas.
Os axentes de mobilidade do servizo Atendo orientan e facilitan o tránsito aos viaxeiros con discapacidade e mobilidade reducida que o solicitan nun total de 129 estacións, que abarcan a tódalas provincias.
Aplicación Atendo de Renfe
Esta nova mellora súmase ao compromiso de ILUNION por prestar un servizo de calidade. Recentemente, o grupo de empresas sociais da ONCE e a súa Fundación presentou, xunto a Renfe, a nova aplicación "Atendo nas túas mans" para dispositivos móbiles.
Esta aplicación permite, ademais de solicitar o servizo, consultar a Guía do Servizo Atendo, elaborada con criterios de lectura fácil en PDF accesible, coa listaxe de estacións e trens e o resto de información de interese para viaxeiros con discapacidade. Completamente accesible para sistemas Android e iOS, pon a disposición do cliente distintas formas de introducir o número do billete para solicitar ou consultar o servizo, manualmente, mediante captura fotográfica do código QR ou a través da aplicación Renfe Ticket.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/Visual_Ilunion.JPG
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()