
Diego Soriano, xerente de proxectos do Centro Nacional de Tecnoloxías para a Accesibilidade (CENTAC), participou nun curso intensivo sobre como elaborar material didáctico accesible para o alumnado con discapacidade, no marco dunhas xornadas de formación ao profesorado, organizadas pola Universidade de León.
Durante o curso, cuxo obxectivo era sensibilizar ao profesorado ante a atención ao alumnado con discapacidade visual e auditiva na universidade, Soriano deu pautas de actuación para elaborar material didáctico accesible: documentos de Office e Adobe PDF, vídeos e recursos audiovisuais.
Para Soriano as tecnoloxías da información axudaron a que "a abundancia de información abandonase o escenario profesional e estendeuse a todos os ámbitos da nosa vida". Un exemplo é o sector educativo onde "a revolución tecnolóxica está a ter un impacto moi sinalado e a demanda é cada vez máis crecente", engadiu.
Con todo, Soriano apuntou que para que esta expansión vaia máis aló, débense ter en conta conceptos como a usabilidade e a accesibilidade, "a utilización das tecnoloxías debe facerse de forma sinxela, respondendo á necesidade de lograr o seu emprego de maneira fácil e natural con independencia das capacidades particulares de cada persoa2.
"Non só se trata do material docente que proporcionan as editoriais e profesores, senón do contido relacionado con todas as facetas administrativas e de soporte empregadas neste campo", recalcou o xerente de Proxectos.
Por outra banda, Soriano propuxo que os estudantes produzan contidos accesibles nos traballos que realicen durante o seu período de formación. "É importante que a formación sexa transversal e complementaria, e pase por que os estudantes produzan material con características de accesibilidade no seu proceso de aprendizaxe".
No curso, o xerente de Proxectos de CENTAC fixo unha aproximación a cuestións como a lexislación sobre accesibilidade TIC, accesibilidade web, accesibilidade de apps e de documentos ou a elaboración de arquivos multimedia. Entre as actividades prácticas máis destacadas ensinouse a xerar PDFs accesibles e a incluír subtítulos en vídeos en plataformas como YouTube.
Guía para elaborar documentación dixital accesible
Dentro da súa colección "Accesibilidade, Tecnoloxía e sociedade", CENTAC ten publicado unha guía para elaborar documentación accesible, que recolle recomendacións para Word, Power Point e Excel, de Microsoft Office 2010.
O obxectivo desta publicación é mellorar o coñecemento do que poden facer estas ferramentas co fin de permitir que os documentos que producimos poidan ser empregados por persoas con diferentes capacidades.
Ligazóns:
Guía gratuíta para elaborar documentación dixital accesible [3]
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/Diego Soriano CENTAC.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] http://www.centac.es/es/tecnologia/guia-acces-office