
As nenas, nenos e adolescentes da nosa terra teñen ao seu alcance un interesante programa de actividades para formárense (formárense aprendendo) nunha chea de ámbitos formativos, científicos e tecnolóxicos. Falamos de ICCKids 2016, unha iniciativa que se desenvolve (por vez primeira) como ramificación dun evento máis xenérico, ICCWeek 2016, ámbolos dous da man da Deputación de Ourense. O programa ICCKids 2016 vai dirixido a nenas e nenos de entre 8 e 15 anos e inclúe un completo programa de obradoiros. O evento presentouse esta semana no Centro Cultural Marcos Valcárcel coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o coordinador da ICCWeek, Juan Rivas; e a coordinadora da ICCKids, Cristina Blanco. ICCKids é, en boa medida, unha ampliación ao público infantil e xuvenil dos obxectivos e liñas temáticas de ICCWeek.
Os obradoiros para nenos e adolescentes desenvolveranse ao longo de todo o ano 2016 en diferentes poboacións do territorio provincial: Bande, Celanova, O Barco, Xinzo de Limia, Ourense, O Carballiño, Verín e Beade. As actividades abranguerán temas como programación informática, fotografía, pintura e plastilina condutivas, stop-motion e video mapping. En palabras de Balatar, “estamos a falar da xeración mellor preparada que vai en sintonía coa innovación tecnolóxica e a ICCWeek non ía descoidar esa parte tan importante do futuro de Ourense que son os máis novos".
Pola súa banda, Juan Rivas agradeceu a sensibilidade da Deputación de Ourense "á hora de aceptar propostas que tocan as industrias culturais e creativas no momento no que acabou a ICCWeek do 2015, e na procura de seguir mellorando puxemos o foco nos máis pequenos".
Cristina Blanco explicou que con este proxecto “preténdese que os nenos da provincia de Ourense teñan a oportunidade de coñecer outras propostas que non sexan as habituais senón outras enfocadas a desenvolver a súa creatividade", e engadiu: “Queremos que non só sexan nenos que consuman Internet senón que produzan seus propios contidos para a Rede”. Deste xeito, todos os obradoiros terán a súa exposición na semana cultural da ICCKids, onde os pais poderán ver os traballos realizados por nenos e adolescentes, e tamén haberá micro-talleres neste espazo e pezas interactivas onde as familias poderán xogar.
Os interesados en participar poden inscribirse xa na páxina web ourenseiccweek.com [3]. Todos os obradoiros son de balde, pero con previa inscrición. As actividades comezan esta fin de semana polas mañás en Beade e, pola tarde en Bande cun obradoiro de stopmotion e video mapping.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/icckids.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] http://www.ourenseiccweek.com/