
En 2009, Miriam Reyes estudaba arquitectura sen saber que un problema familiar ía derivar na actividade que hoxe ocupa o seu día a día. 'Tras o diagnóstico con autismo do noso primo, regalámoslle un conto con pictogramas para deixar o cueiro e ir só ao baño'- explica Reyes. O conto funcionou e decidiron compartilo nun blog e facelo accesible a outras familias. Así, 'O Calzón de José' supuxo un alivio para persoas nunha situación similar en todo o mundo. 'Moitos dicíannos que non atopaban material de traballo adaptado a pictogramas para poder traballar cos seus fillos'. Reyes asegura que estudou arquitectura porque lle apaixonaba poder levar ideas á realidade. 'A carreira formoume en todas as ferramentas que necesitaba para facer isto posible, e é o que apliquei a cada un dos meus proxectos'. 'Creo que un arquitecto deseña unha resposta creativa a unha demanda social, e ese é o meu traballo en Aprendices Visuais'.
Tras detectar que existía unha demanda importante por parte dun colectivo amplo e despois de tres anos de traballo, en 2012 nacía a Asociación de Aprendices Visuais. 'Aos poucos sumáronse asociacións colaboradoras e chegaron os primeiros recoñecementos como o premio Nestlé á Solidariedade'- engade Reyes, quen fala dos amigos máis próximos como peza clave para difundir a idea e para colaborar nos primeiros pasos do proxecto. Hoxe todo o mundo pode sumarse ao proxecto, ben a través de diferentes campañas de crowdfunding 'encamiñadas a lograr o desenvolvemento dunha nova aplicación interactiva gratuíta-, sumándose con 1€ ao mes no seu grupo de Teaming ou facéndose socio da ONG Aprendices Visuais.
Pese ao pouco apoio recibido por parte da Administración ''debería estar moito máis atenta ás solucións xa existentes que demostraron un impacto positivo e implementarlas canto antes'- Reyes entende que chegou o momento para que tecnoloxía e educación somen forzas en aras de mellorar o modelo de ensino existente. 'Estamos a falar do futuro de miles de nenos. Avanzamos cara a unha educación máis personalizada e á vez máis inclusiva. O que comprobamos cos nosos materiais é que, aínda que se deseñan especificamente para as características dos nenos con autismo, poden usarse con nenos que teñen outras dificultades, ou mesmo con pre-lectores, nenos que aínda non saben ler, e comprenderán a historia grazas aos pictogramas'.
Acompaña a Miriam Reyes, Amélie Jézabel Mariage (cofundadora do proxecto). Consideran que 2016 vai ser un ano 'apaixonante'. Propuxéronse o reto de chegar ao millón de lecturas dos seus contos. Para iso, a súa web estará dispoñible en 6 idiomas e están a preparar unha campaña de impacto en máis de 20 países. 'Queremos que todos os nenos con autismo do mundo teñan acceso aos nosos materiais e poidan desenvolver ao máximo o seu potencial'- conclúe.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/aprendicesvisuales.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()