
Poida que o proxecto das Google Glass estea en 'stand by' pero a compañía de Larry Page e Sergey Brin non se esquece dos 'wearables', neste caso aplicadas ao ámbito da saúde. En concreto, Google presentou unha solicitude de patente para un novo dispositivo vestible que permite medir o nivel de azucre en sangue sen necesidade de agullas.
Trátase dunha pulseira que, para poder analizar o sangue, emprega un sistema de gas a presión, perforando así a pel do paciente e evitando molestias innecesarias.
Até agora, os diabéticos empregan unha pequena agulla, chamada lanceta, para perforar a pel dun dedo e extraer unha pinga de sangue, que logo se analiza usando un medidor de glicosa. Con todo, as lancetas volvéronse máis delgadas, propensas a romper e dobrarse, o que produce incomodidades aos diabéticos cando se miden o azucre dúas ou catro veces ao día.
Por iso, Google decidiu prescindir das agullas para facer os orificios na pel e apostar polo gas presurizado. O dispositivo, ademais, non só é apto para diabéticos, senón para calquera tipo de analítica habitual, como poden ser as medicións de hormonas, proteínas ou encimas.
Non é o primeiro prototipo de 'wearable' de Google para diabéticos
Con todo, estas patentes non teñen necesariamente que chegar a bo porto, xa que Google está a practicar con distintas iniciativas para axudar aos diabéticos. Por exemplo, hai un ano filtrouse que o popular buscador estaba a traballar nunha sorte de lente de contacto intelixente (desenvolvida en colaboración con Novartis) que podería empregar sensores para detectar os niveis de azucre en sangue a través das bágoas dos usuarios. Ademais diso, a división de proxectos innovadores Google X tamén impulsou un segundo proxecto xunto a DexCom, un fabricante de dispositivos de control continuo da glicosa, para desenvolver un dispositivo do tamaño dunha tirita que puidese usarse sobre a pel.
Lembremos que a diabetes é unha enfermidade que afecta hoxe en día a 382 millóns de persoas e que, segundo as previsións, cara ao ano 2035 poderiamos estar a falar de 600 millóns de enfermos.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/googlediab.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()