
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Rede Galega contra a Pobreza (EAPN) celebran o 24 de setembro, a quinta xornada do Programa de Formación en Software Libre para o Terceiro Sector que organizan conxuntamente. O seminario que leva por título“OwnCloud: Arquiva e comparte na nube os teus documentos para acción social” (https://cdtic.xunta.es/owncloud-terceiro-sector [4]) desenvolverase en horario de 17.00 a 20.30 horas no Centro Demostrador TIC. Este ciclo formativo enmárcase nas actividades do Programa de Voluntariado Dixital da Amtega.
Este seminario céntrase na ferramenta Owncloud, unha solución para a creación dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube (cloud computing). Owncloud constitúe unha alternativa libre a outras solucións privativas como Dropbox, Microsoft Onedrive ou Google Drive. Na xornada trataranse as necesidades específicas do terceiro sector, a xestión da información na contorna lexislativa e a protección de datos e as solucións que ofrece Owncloud, así como as súas capacidades técnicas.
Esta actividade formativa está especialmente deseñada para responsables, persoal e persoas voluntarias pertencentes a asociacións ou a entidades do terceiro sector que teñan interese na implantación de ferramentas para a mellora tecnolóxica.
Dado que as prazas son limitadas, para participar nesta xornada cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/ [2]). A asistencia é de balde.
Actividades para o terceiro sector
Coa xornada “OwnCloud: Arquiva e comparte na nube os teus documentos para acción social” continúa o ciclo de actividades formativas dirixidas ao terceiro sector e organizadas pola Amtega en colaboración con EAPN. Trátase dun total de nove actividades especialmente pensadas para este sector da economía composto por entidades sen ánimo de lucro.
O ciclo iniciouse o pasado 10 de setembro co curso “Coñece que pode facer o software libre pola túa asociación”, ao que lle seguiron dous cursos de Drupal (un básico e un avanzado) e outro sobre WordPress.
Na web do Centro Demostrador TIC poden consultarse ás datas dos vindeiros cursos: ferramentas para participación cidadán, xestión e captación de donacións, etc.
CDTIC Virtual, un entorno de probas para OwnCloud
O Servizo CDTIC Virtual (https://cdtic.xunta.es/info-cdtic-virtual [5]), ofrece ás persoas usuarias a posibilidade de analizar e probar solucións empresarias libres que están aloxadas na nube. Deste xeito poden coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades de solucións tecnolóxicas dispoñibles para o seu sector. Para empregar o servizo só é preciso solicitalo na web do Centro e tras verificar a súa petición habilitaráselle un período de proba.
As vantaxes desde servizo para as persoas usuarias son que proporciona unha infraestrutura para probar un servizo sen necesidade de que a empresa dispoña da mesma; así como permite aforrar tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos.
EAPN Galicia
A Rede Galega contra a Pobreza é unha entidade non lucrativa e de acción social que agrupa a entidades autonómicas do terceiro sector implicadas na loita contra a pobreza e a exclusión a través da defensa dos dereitos dos colectivos en risco e da súa participación comunitaria plena.
EAPN-Galicia forma parte tamén da European Anti Poverty Network, rede no nivel europeo que leva traballando de modo independente dende 1990, e está integrada en EAPN España.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/XornadaOwncloud20150924.png
[2] https://cdtic.xunta.es/
[3] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[4] https://cdtic.xunta.es/owncloud-terceiro-sector
[5] https://cdtic.xunta.es/info-cdtic-virtual