
En España hai 3,85 millóns de persoas cunha discapacidade declarada segundo datos do INE. Grazas aos dispositivos móbiles e ao avance tecnolóxico cada vez contamos con máis ferramentas e plataformas para facilitar a integración social destas persoas e os lugares públicos están máis preparados para que poidan realizar todo tipo de actividades sen impedimentos. A continuación ensinámosche sete plataformas que colaboran para que esta integración sexa unha realidade.
APP DE DEPENDENCIA
Nesta aplicación pódense atopar vídeos con consellos técnicos para axudar a anciáns, discapacitados e persoas en situación de dependecia. Por exemplo como facilitarlle movementos, subir ou baixar escaleiras e consellos para o coidado tanto físico como emocional. Está destinada ás persoas encargadas dos seus coidados e ás propias persoas discapacitadas. Ademais contén información sobre prestacións como subvencións ou axudas.
ÁPPSIDE
Esta iniciativa fai posible que persoas con discapacidade visual, auditiva ou intelectual poidan realizar visitas culturais de forma adecuada á súa discapacidade Para as persoas con discapacidade visual facilita a audiodescripción pola que pode escoitar explicacións das obras. Para as que teñen discapacidade auditiva ten subtitulado e vídeos en lingua de signos. Para as persoas con discapacidade intelectual ten explicacións por pictogramas para facilitar a súa comprensión con debuxos. No programa podemos atopar percorridos a medida, mapas interactivos e outros complementos para poder facer visitas a museos ou zonas de interese turístico de case toda a xeografía española.
BE MY EYES
É unha aplicación que pon en contacto a persoas videntes e invidentes por videochamada, as invidentes enfocan coa cámara principal do seu móbil imaxes que as videntes reciben no seu móbil e descríbenllas de forma oral. Poden facer uso da aplicación na súa vida cotiá ou, por exemplo, nunha visita a un museo ou a monumentos que non pode ver e así pódenlle contar o que hai. Foi premiada como a máis innovadora do ano 2012 e lanzada en xaneiro de 2015.
ACCESIBILITY
É unha aplicación para que as persoas con dificultades de mobilidade coñezan a maneira máis adecuada de chegar a un destino e poidan planear a súa ruta. Tamén mostra lugares de interese cos mínimos de accesibilidade exixibles e formas de moverse mediante os seus sistemas de xeolocalización e de realidade aumentada. Até agora contén información da Comunidade de Madrid e Barcelona pero buscan ampliala a toda a xeografía nacional.
TEATRO ACCESIBLE
Este proxecto dota aos espazos culturais de subtitulado para xordos, audiodescripción, bucle de indución magnética (para que os usuarios de próteses auditivas poidan escoitar con nitidez), son de sala amplificado e lingua de signos. Ademais desenvolveu complementos á obra para lograr unha maior accesibilidade como a disposición de programas de man en Braile. Esta plataforma busca recoller e fomentar unha oferta de teatro accesible para persoas con discapacidade sensorial. Empezou a súa actividade no Teatro A Latina e no Teatro Belas Artes de Madrid e xa colaboraron con 25 espazos teatrais, 6 festivais e 10 cidades.
WHATSCINE
Esta aplicación busca que as persoas con discapacidade visual poidan gozar das películas escoitando a audiodescripción da película sen interferir no audio do resto do público. Facilita tamén ir ao cinema ás persoas con discapacidade auditiva
podendo ver lingua de signos española por unhas lentes especiais ou seguir o subtitulado no seu dispositivo móbil. Para que isto sexa posible o usuario debe ter descargada a aplicación e utilizar o seu propio dispositivo. Actualmente está a se desenvolver e os cinemas e películas nas que se pode utilizar esta ferramenta están reflectidas na súa web.
SHOWLEAP
É un tradutor de Lingua de Signos Española a voz. Captura os movementos das persoas en 3D, compáraos en tempo real cunha base de datos e o software manda o texto correcto a un sintetizador que o converte á linguaxe oral. Para poder utilizalo necesitarase dun computador con altofalante e unha cámara especial de Leap Motion (tecnoloxía que provén dos videoxogos). Aínda que actualmente está aínda en fase de desenvolvemento xerou moita expectación no ámbito da integración porque fará posible unha verdadeira conversación fluída para as persoas con dificultades auditivas. Este proxecto xa recibiu varios premios como o HackForGood.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/appDispositivos.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()