
A cegueira dos ríos ou oncocercosis, a filariasis linfática ou a filaria son enfermidades curables que teñen consecuencias devastadoras en zonas onde os equipos médicos de certa sofisticación están ausentes pola falta de recursos (como en África).
Para solucionar este problema, un equipo de científicos da Universidade de Berkeley desenvolveu unha nova ferramenta bautizada como CellScope, que se incorpora a un teléfono móbil e mediante vídeo, detecta e cuantifica automaticamente (nun lapso de 2 minutos) de que infección parasitaria se trata utilizando unicamente unha pinga de sangue.
'Este é o primeiro dispositivo que combina a tecnoloxía de imaxe coa automatización de hardware e software para crear unha solución de diagnóstico completa nestas contornas', explica Daniel Fletcher, líder do estudo.
Como funciona a análise deste dispositivo? CellScope utiliza o movemento en lugar de marcadores moleculares para detectar o desprazamento dos vermes: 'esta investigación diríxese ás enfermidades tropicais desatendidas. Isto demostra o que a tecnoloxía pode facer para axudar a encher un baleiro para as poboacións que sofren de enfermidades terribles pero tratables', aclara Fletcher.
Xa se realizou un estudo piloto en Camerún grazas á colaboración de expertos do Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas, de Camerún e Francia, que revelou que as probas de campo con este dispositivo axudaron a reducir a taxa de erro humano á hora de detectar estas enfermidades debilitantes.
O estudo, que foi publicado na revista Science Translational Medicine, detalla que a aplicación move a mostra de sangue diante da cámara do dispositivo e un algoritmo analiza de forma automática o movemento dos vermes. Minutos despois, visualízase na pantalla o reconto dos vermes e da súa tipoloxía.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/movil-parasitos.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()