
Os nenos convertéronse nun público moi importante para empresas desenvolvedoras de 'software'. Os máis pequenos da casa comezaron a ser habituais usuarios de 'smartphones' e 'tablets' e por iso é polo que nos encontramos, cada vez máis, con multitude de 'apps' para nenos.
Propómosvos un Top 10 de xogos infantís para iOS e Android que non só serven para que os peques se divirtan, senón tamén para que adquiran novos coñecementos, coñezan mellor a súa contorna ou, mesmo, para que superen medos.
ABCKIT
ABCKit pretende que os nenos aprendan as letras do abecedario e sexan capaces de recoñecelas, escribilas e escoitalas. Este xogo está baseado no método Montessori, un método educativo que se basea na identificación fonética de cada unha
das letras (continúa sendo o primeiro paso para iniciarse na lectura). ABCKit foi elixida por Apple como unha das tres mellores 'apps' para iPad a nivel mundial en 2011. Está pensada para nenos de até 5 anos e atópase dispoñible para iOS por 1,99 euros.
KIDS
Esta 'app' é ideal para que os peques se inicien na música, pero tamén para que aprendan novas palabras e habilidades. Componse dun conxunto de xogos infantís, para menores de 4 anos, entre os que hai quebracabezas, un piano e un xilófono, ademais de xogos de memoria. Os pais poden utilizalo para que os seus fillos aprenden tamén as froitas en catro idiomas. Kids está dispoñible de forma gratuíta en Google Play.
CLAN
A aplicación Clan é unha das 'apps' estrela en España. Trasladou a experiencia da tele aos móbiles e tabletas e, grazas á súa popularidade, acumula millóns de descargas, visualizacións de vídeos e horas de diversión. Nesta aplicación poderemos atopar gran cantidade de xogos, concursos, retos e máis de 60 series con decenas de capítulos dispoñibles. Está dispoñible en iOS e Android de forma gratuíta.
O QUE MÁIS ME GUSTA DO MUNDO
Esta 'app' é unha das máis completas. Serve para ler, para aprender palabras e para xogar. Ademais, introduce aos nenos en valores como a diversidade, a multiculturalidade ou a grandeza dos diferentes pobos. Trátase dunha divertida ferramenta interactiva con imaxes reais e locucións para descubrir segredos das comidas, árbores, animais, xogos, instrumentos e casas do mundo. Esta 'app' está pensada para nenos de 0 a 6 anos, para que descubran o moito que todos temos en común. Está dispoñible para dispositivos Apple por 3,99 euros.
FUNNY CARS
Trátase dunha aplicación cuxo obxectivo é que os nenos aprendan sobre medios de transportes e vehículos mentres se divirten. O neno deberá asociar o son que escoite co nome de entre un total de 24 transportes. O xogo está dispoñible en español, inglés e ruso para axudar tamén a aprender distintos idiomas. Este xogo é gratuíto e finánciase con publicidade, con anuncios xestionados por Google, o que significa que é publicidade segura e que non vos cobrarán nada por pulsar
sobre eles. Pódese atopar en Google Play.
PLAYTALES
Trátase dunha gran biblioteca de contos interactivos deseñados para potenciar a imaxinación e a creatividade dos máis pequenos. O catálogo de PlayTales conta con 5 millóns de lecturas mensuais. Teñen acordos con grandes produtoras de contidos, como Barrio Sésamo ou Disney, e podemos atopar tanto títulos clásicos, como O Patiño Feo ou a Bela Dormente, como historias de personaxes tan coñecidos como Pocoyó, Félix o Gato, Popeye ou Betty Boop. Esta gran biblioteca ofrece historias en oito idiomas. Pódese descargar gratis tanto en iOS como en Android.
DISMONSTERS
Dismonsters pretende axudar aos nenos a perder o medo á escuridade. Os nenos atoparanse con varios xogos nos que descubrirán que algunhas monstruosas sombras pertencen en realidade a obxectos cotiáns. Está dispoñible para iOs por 2,99 euros.
MY TALKING TOM
É a aplicación de xogos número un en 135 países. O neno poderá adoptar o seu propio cachorro de gato e axudalos a converterse nun gato adulto. Deberá coidar da súa mascota, porlle nome, alimentalo e xogar con el. Ademais, pode vestilo e elixir entre unha gran variedade de cores de pelame e outros accesorios. O neno terá a oportunidade de guiarse por emocións reais, xa que Tom pode estar feliz, famento, adormecido, aburrido as súas emocións cambian dependendo de como o neno xoga con el. Así mesmo, esta 'app' ofrece máis de dez minixogos e a posibilidade de gravar vídeos e compartilos. Está dispoñible de forma gratuíta en Google Play e App Store e ofrece compras integradas na aplicación.
PLANETA PIRATA
Esta 'app' recompila máis de cen minixogos educativos para nenos de entre 2 e 5 anos: quebracabezas, "recortables", probas de memoria, pasatempos de observación e procura de diferenzas entre dúas imaxes. Está dispnible para iOs e Android por 0,50 euros.
TOCA DOUTOR
Este xogo, desenvolvido por unha compañía sueca, busca que os nenos se convertan en expertos doutores divertíndose curando até 21 doenzas con intuitivos quebracabezas táctiles. Entre outras cousas, deberán desinfectar feridas, aliviar irritacións oculares ou combater os síntomas do arrefriado. Está dispoñible para iOS por 2,99 euros.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/fotonoticia_20150216085933_500.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()