
A Deputación de Lugo vén de pór en marcha un novo programa de dinamización a través das ferramentas dixitais. Desta volta, do que se trata é de recuperar boa parte do pasado da provincia a través da participación directa dos maiores e, por suposto, das novas tecnoloxías da información. A iniciativa en cuestión, que se vai desenvolver a través da Fundación TIC, chámase Memoria Dixital Tic-Tac e consiste nun rexistro audiovisual da historia de Lugo que se apoia, directamente, nas contribucións das persoas que participen na actividade. Está destinada a veciñas e veciños maiores de 55 anos.
O proxecto foi posto en marcha o pasado xoves na residencia Carlos IV de Outeiro de Rei. No acto participou o deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Álvaro Santos, que dixo que o obxectivo é “crear un banco de recordos no que poder gardar as vivencias do nosos maiores en Internet”. Todo o material obtido publicarase “nunha páxina web especialmente deseñada para a ocasión, permitindo así que todos teñamos acceso ás historias e recordos dunha xeración que ten moito que contar”, engadiu. Asemade, fixo saber que “serán os propios maiores os que graven cunha tableta pequenos vídeos onde poderán contar como foi a súa nenez, a súa vida no rural, as festas de hai anos, como se vestían ou moceaban”.
Segundo engade a Deputación, a idea era cumprir cun obxectivo duplo: facer un rexistro individual da memoria a través de pequenos relatos e anécdotas e introducir a este colectivo no mundo das novas tecnoloxías. A iniciativa abrangue nove obradoiros a desenvolver até o 28 de febreiro en todas as comarcas de Lugo, e neles poderán participar asociacións, centros de maiores e os veciños de todos os concellos, agás os de Lugo capital. Os interesados poden apuntarse chamando o número de teléfono 982 254 666. Este programa está incluído na actuación Promoción da autonomía persoal dos maiores da provincia, que xestiona a Fundación TIC a través do Centro de Innovación Social InLugo no marco Innova-TE2, financiado nun 80% con fondos europeos.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/depuLugoMaiores.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()