
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco da iniciativa de capacitación tecnolóxica ‘Faite Dixit@l!’, inicia o luns, 3 de novembro, en Buño (A Coruña), unha actividade formativa sobre o “Uso de Dispositivos Móbiles”.
Este módulo, cunha duración de 25 horas, impartirase no Centro de Desenvolvemento Rural de Buño, ata o 7 de novembro e participarán 10 mulleres das asociacións de redeiras ‘O Fieital’ e ‘Illa da Estrela’, cubrindo a práctica totalidade das prazas dispoñibles na aula onde se desenvolve.
Tipos de dispositivos móbiles, plataformas e aplicacións, configuración inicial e uso básico, xeolocalización, xestión do tempo, son algúns dos contidos que durante unha semana, en horario de tarde –de 16 a 21 horas-, recibirán as ‘redeiras’ das localidades de Malpica e Corme.
Asociacións de Redeiras de Malpica e Corme
As destinatarias desta actividade son as redeiras integradas nas asociacións ‘O Fieital’ e ‘Illa da Estrela’, un colectivo de mulleres considerado en risco de exclusión dixital tendo en conta o seu baixo perfil en competencias TIC, que as converte en grupo de interese como receptoras das actividades externas do proxecto ‘Faite Dixit@l!’
A selección dos contidos para esta acción coas ‘redeiras’ responde o interese posta de manifesto polo propio colectivo á hora de adquirir novas competencias dixitais, e correspóndese cunha actividade do mesmo nome das que levan a cabo, como parte de ‘Faite Dixit@l!’ a través aulas da Rede CeMIT, aínda que os contidos adaptaranse o perfil das destinatarias.
‘Faite Dixit@l’
A iniciativa da Amtega, en colaboración con Fundetec, ‘Faite Dixit@l!’ consiste nun programa de 140 actividades de capacitación tecnolóxica con máis de 1.800 prazas ofertadas fundamentalmente a través dos centros da rede CeMIT e cos seus usuarios como destinatarios. O obxectivo é ofrecer á cidadanía novas oportunidades de adquisición de competencias dixitais e de empoderamento TIC. ‘Faite Dixit@l!’ organzia tamén os ‘Faladoiros Dixitais’, espazos onde expertos en diversas materias TIC poñen en común as súas experiencias co fin de propiciar un debate sobre a mellora da capacitación tecnolóxica e dixital da cidadanía.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/redeiras.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()