
O Consello Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés) deu a coñecer hoxe a Poppy, o primeiro robot humanoide feito de pezas que saíron dunha impresora 3D e cuxo comportamento pode ser programado con software de código aberto.
A inicativa, que contou con financiamento da ERC, foi desenvolvida por un equipo de enxeñeiros de Flowers Laboratory do Instituto Nacional de Investigación en Informática e Automática (INRIA), en Francia. Os seus creadores din que Poppy (que en inglés significa 'mapoula') é un robot que calquera pode construír e programar.
"Non se trata soamente dunha ferramenta para científicos e enxeñeiros, queremos que poida ser utilizado en casa e nas aulas para dar aos estudantes e os profesores a oportunidade de experimentar", sinalou Pierre-Yves Oudeyer, xefe do proxecto.
Constrúa o seu propio robot
Segundo Oudeyer, "Tanto o hardware como o software son de código aberto. Non existe un único robot humanoide Poppy, senón tantos como usuarios. Isto confírelle un gran atractivo, xa que pasou de ser unha mera ferramenta tecnolóxica a converterse nunha verdadeira plataforma social".
Ademais, o robot é agora compatible coa plataforma Arduino, o que lle permite interconectarse con outros dispositivos electrónicos, tales como roupa intelixente, luces, sensores e instrumentos musicais.
O desenvolvemento levouse a cabo dentro do proxecto Explorers no que Oudeyer e o seu equipo estudan os mecanismos da aprendizaxe e o desenvolvemento utilizando robots. "A nosa hipótese é que o corpo é unha variable esencial para a adquisición de habilidades motrices e sociais por parte dos humanos. Para estudar esa teoría, necesitabamos crear unha plataforma que permitise experimentar con rapidez novas morfoloxías en robots; así xurdiu a plataforma Poppy", sinala o responsable.
Ciencia, programación e deseño
Grazas ao financiamento europeo, os enxeñeiros franceses desenvolveron capacidades de resolución de problemas e de pensamento crítico en robótica.
O equipo espera que os estudantes de ciencia, programación e deseño informático poidan experimentar con Poppy e quizais, máis adiante, logren atopar traballo no sector da robótica. O proxecto Explorers, cun orzamento de 1,5 millóns de euros, durará até 2015.
O equipo de Oudeyer xa utilizou Poppy noutros ámbitos, concretamente na arte. Nun programa titulado Etres et Numériques, que está en curso, o equipo traballou cun bailarín e un artista visual para explorar as emocións e as percepcións dos xestos e movementos corporais utilizando o robot. A súa idea é estender eses experimentos a outras representacións artísticas.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/poppy.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()