
Investigadores da Universidade Miguel Hernández (UMH) de Elxe idearon un novo sistema de rehabilitación robótica que, durante a realización da terapia con máquinas, adáptase de maneira dinámica ás reaccións e progresos de cada paciente.
O novo dispositivo é capaz de detectar, mediante sensores fisiolóxicos e outros parámetros que incorpora, se o paciente se atopa relaxado porque a terapia non lle supón ningún desafío. Nese caso, increméntase automaticamente a dificultade da rehabilitación ou ben diminuese a asistencia que proporciona o robot. Se pola contra, o paciente manifesta un nivel alto de tensión durante a mesma, o dispositivo apréciao e baixa o seu grao de dificultade.
En cada sesión de rehabilitación robótica, os algoritmos de intelixencia artificial do sistema aprenden novos parámetros do paciente, que se usan logo para mellorar o sistema de adaptación da terapia a cada persoa, o que significa que o dispositivo "vai coñecendo" mellor ao paciente en cada sesión de rehabilitación.
Até o momento, este tipo de dispositivos viñan utilizando para a rehabilitación e a asistencia a pacientes con distintos tipos de patoloxías, pero ningún deles se adaptaba de forma dinámica aos progresos do usuario durante a realización da terapia.
Actualmente, os avances que se realizaron dentro do proxecto están a terminar de se adaptar para levar a cabo distintas probas con pacientes que sofren dano cerebral adquirido en varios hospitais públicos da provincia de Alacante.
O proxecto, enmarcado dentro do sétimo programa marco da Unión Europea e liderado polo grupo de neuroenxeñería biomédica da UMH, foi publicado no número de setembro de "Robotics and Automation Magazine", revista que publica artigos técnicos de interese para a comunidade científica internacional en temas de robótica e automatización.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/20140929_1411991592_kZ7mRA_w300.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()