
A presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entregaron hoxe os premios da fase autonómica do certame escolar de consumo responsable Consumópolis, en cuxa novena edición participaron máis de 1.200 escolares galegos e que este curso estivo centrado no uso responsable das tecnoloxías da información e a comunicación.
Baixo o lema Consumir entre pantallas, tras completar a primeira etapa do certame, consistente nun percorrido dun xogo en liña sobre consumo responsable e calidade de vida, o alumnado traballou en grupos de 5 coordinados por un docente na redacción dun “tweet” (un texto que non pode superar os 140 caracteres de extensión) cun consello ou mensaxe sobre consumo responsable en relación co uso das TICs. Esta mensaxe, dirixida ao alumnado da mesma idade, intégrase nun cartel cunha imaxe que apoia o texto e reflicte o contido do texto.
Na fase autonómica, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a través do IGC, e en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, establecéronse tres categorías por idades, concedéndose premios para os 3 mellores traballos de cada categoría dotados con 1.000, 600 e 300 euros, que poderán empregar para actividades ou material pedagóxico. Os primeiros premios de cada categoría representarán a Galicia na fase nacional, organizada polo Instituto Nacional de Consumo.
Na categoría de 3º ciclo de primaria clasificouse en primeiro lugar o colexio Pablo VI- Fátima da Rúa (Ourense), mentres que o segundo premio recaeu no CEIP Lourido de Poio (Pontevedra) e o terceiro no CEIP Santa Rita de Galdo, en Viveiro (Lugo).
No tocante a 1º e 2º ciclo de ESO, equipos do IES O Couto de Ourense recibiron o primeiro e o segundo premio, mentres que o terceiro foi para alumnos do CPI Ramón Piñeiro de Láncara (Lugo).
Xa na categoría de 3º e 4º da ESO, foi tamén para o IES O Couto o primeiro premio, mentres que o segundo recaeu no IES Manuel García Barros da Estrada (Pontevedra) e o terceiro no IES de Poio (Pontevedra).
Os escolares galegos son dos que en máis ocasións foron gañadores dos premios nacionais en distintas categorías, o que amosa a gran preparación do alumnado galego e a gran labor desenvolvida neste ámbito desde o Instituto Galego de Consumo, que forma parte desde o seu inicio do equipo de traballo a nivel nacional que desenvolve a estrutura pedagóxica do certame cada ano.
Coa posta en marcha desta iniciativa a Xunta continúa a traballar na mellora da formación dos máis novos en consumo, co obxectivo de aumentar o coñecemento e a defensa dos seus dereitos neste eido.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140515_Premios.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()