
Telefónica presentou a plataforma Familia Dixital, un Centro de Recursos para Pais cuxo obxectivo é impulsar a educación dixital e contribuír a crear un Internet mellor para os nenos (www.familiadigital.net [3]).
A web xa está dispoñible en España para a marca Movistar e para O2 lanzarase no Reino Unido en primavera, tras unha proba piloto con pais que se realizará na flagship de Leeds. Así mesmo chegará a outros países nos que opera Telefónica ao longo deste ano.
A plataforma foi desenvolvida por Foro Xeracións Interactivas coa colaboración de European Schoolnet, a Universidade de Navarra, INSAFE, a EU Kids Online, Childnet International, protegeles e PantallasAmigas. E forma parte da estratexia de Telefónica para fomentar a confianza dixital e promover un uso responsable e proveitoso das TIC por parte das xeracións interactivas. Para iso, a compañía traballa dende hai anos en catro frontes: a autorregulación, as alianzas estratéxicas, os produtos e servizos e a educación dixital.
Familia Dixital aspira a ser un site de referencia para os pais, titores e profesores, no que poidan encontrar respostas a todas as dúbidas e inquietudes dos nenos relacionados coas novas tecnoloxías e internet. Ademais, é un lugar para compartir experiencias e testemuños e axudar a superar os retos e dificultades aos que se enfrontan tanto os pais coma os nenos debido aos cambios tecnolóxicos e á constante aparición de novas aplicacións e servizos.
Que ofrece a plataforma
Todos os meses Familia dixital tratará en profundidade un tema de interese e actualidade, e proporcionará vídeos, xogos, actividades e artigos segmentados por idade (5-8 anos, 9-12 anos e 13-16 anos) para que pais e educadores xunto cos nenos, poidan ir aprendendo a sacar o máximo partido de internet e das posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías e dos dispositivos conectados.
Ademais, incorpora un glosario de termos como grooming, ciberacoso, sexting, geolocalización... coa súa explicación, consellos, claves, recomendacións, links e vídeos acerca deles, de tal forma que os adultos poidan ter unha visión de conxunto de forma amena e accesible para un uso seguro e responsable das TIC.
Familia Dixital inclúe, ademais, un enlace á web protegeles (http://www.protegeles.com [4]) para denunciar aqueles contidos potencialmente ilegais e de abusos sexuais a menores que se encontren na rede.
A web tamén ten un apartado coas mellores solucións tecnolóxicas e ofertas de servizos de Telefónica para axudar ás familias a protexer os seus dispositivos, ou encontrar unha proposta axeitada para os máis pequenos da casa. O filtro parenteral Canguro Net, o Paquete de Seguridade, a selección de apps educativas, Aula 365 e o servizo Aquí Estoy son exemplos diso.
A iniciativa xa foi presentada á Comisión Europea, no marco do grupo de traballo da Coalición dos CEOs para un Mellor Internet, onde se considerou un referente de colaboración público-privada e iniciativa de autorregulación, con claros beneficios para a sociedade, con foco nas familias e en especial dos nenos, xa que deles é o futuro dixital.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/IMG_140218_FamiliaDigital.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] http://www.familiadigital.net
[4] http://www.protegeles.com