
A profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña Susana Ladra recolleu o pasado xoves o VI Premio Ada Byron á Muller Tecnóloga [3] na categoría nova nun acto de entrega que tivo lugar na Universidade de Deusto. O galardón ten como obxectivo fomentar as vocacións femininas no campo da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e poñer en valor a importancia da tecnoloxía en todos os ámbitos da vida e para o desenvolvemento social, así como o traballo e logros por parte de mulleres.
Susana Ladra, doutora en Informática e graduada en Matemáticas, foi recoñecida entre un total de 54 candidaturas pola súa formación, actividade profesional no sector tecnolóxico, implicación en difusión social, capacidade de superación e participación en iniciativas para propiciar cambios cara unha maior igualdade. Ademais de directora do Campus Innova e investigadora do CITIC, Susana Ladra é profesora titular de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Facultade de Informática da UDC e vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Tamén é coordinadora do programa STEMbach na UDC, que ten como fin promover a vocación do alumnado cara a investigación científica.
Así mesmo, forma parte do grupo de traballo da Cidade das TIC e foi socia fundadora e vicepresidenta do nodo galego da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-gal). Actualmente está moi implicada na divulgación científica e na visibilización da muller na enxeñería. Durante o seu discurso no acto de entrega, Susana Ladra afirmou que as mozas non estudan enxeñería non porque non lles gusta senón porque non a coñecen. Neste senso resaltou que «é fundamental a divulgación científica e tecnolóxica e introducir estas materias na educación primaria e secundaria».
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10986.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] https://www.udc.es/gl/novas/A-directora-do-Campus-Innova-Susana-Ladra-recolle-o-Premio-Ada-Byron-Joven-na-Universidade-de-Deusto/