
As profesoras Viviana Fernández e Carmen Gómez, das universidades da Coruña e Málaga, respectivamente, veñen de poñer en marcha unha páxina web [3] dirixida a dinamizar con recursos e actividades diversas de lecer e formación o colectivo das persoas maiores. A web, visible en quedateencasaactivo.app [4], é unha nova e relevante contribución de contidos e servizos tecnolóxicos para o sector da poboación máis castigado pola pandemia, tanto no que se refire a incidencia da mesma como ás limitacións de actividade e mobilidade derivadas do Estado de Alarma.
O sitio web, feito durante o confinamento, ten como obxectivo “axudar a que os maiores teñan máis opcións ao pasar tanto tempo na casa e contribuír á alfabetización dixital pois, aínda que Internet está ao alcance de todos, non é tan sinxelo atopar recursos para os maiores adultos”, explica Fernández. O proxecto ten o seu xermolo no traballo conxunto das dúas investigadoras, que colaboran decote en proxectos de investigación e artigos científicos, unha bagaxe compartida que lles valeu para pór en marcha a iniciativa. A páxina amosa recursos asumibles sobre temas como cultura, deporte, entretemento, vida saudable e tecnoloxía, entre outros. Do que se trata, indica a profesora Fernández, é de que os maiores sigan activos en casa “escoitando música, visitando museos de forma virtual, adestrando a memoria ou aprendendo novas destrezas”. “Porque a actividade é saúde”, conclúe.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10678.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] https://www.udc.gal/gl/novas/Profesoras-das-universidades-da-Coruna-e-Malaga-crean-unha-paxina-web-con-recursos-e-actividades-para-o-colectivo-de-persoas-maiores/
[4] https://quedateencasaactivo.app/