
O Centro de Educación Especial Amicos [3], con sedes en Ribeira e Boiro, está a desenvolver unha iniciativa formativa e divulgativa para ofrecer aos usuarios un novo modelo de vida a través dos beneficios que proporcionan as tecnoloxías, ao tempo que se fomentan valores e coñecementos propios da sociedade actual coma o traballo en equipo, a xeneralización dos robots, as tabletas ou a Realidade Virtual, entre outros recursos, servizos e tecnoloxías. O programa Meet and Code, desenvolvido ao abeiro de TICneate, conta con financiamento da Unión Europea.
O que se busca coas actividades de Meet and Code é iniciar ás usuarias e usuarios de Amicos no mundo da robótica mediante diversas actividades como, por exemplo, a identificación de material, desenvolvemento de videoxogos, creación de trebellos intelixentes, información sobre os beneficios da robótica ou comprobación dos seus usos.
Así, na xornada de hoxe celebrouse unha demostración a cargo de We Robots, polo que os usuarios do centro tiveron a oportunidade de manexar enxeños tecnolóxicos, deseñar a través de impresora 3D, trazar circuítos, etcétera.
Desde Amicos sinalan que a participación activa do alumnado neste programa “facilita a súa motivación para avanzar no uso da tecnoloxía no día a día”. Ao longo deste curso, continuaranse desenvolvendo diferentes actividades centradas na Realidade Virtual, dispositivos electrónicos, uso de aplicacións e redes sociais, así como seguir progresando no eido da robótica.
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10346.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] https://www.facebook.com/Amicos/photos/pcb.1416381151871024/1416380935204379/?type=3&theater