
No século XXI, as persoas na terceira idade teñen un peso determinante na sociedade, afúndese o sistema familiar tradicional e xorden solucións tecnolóxicas ás necesidades dos maiores nunca pensadas: antes a vida non era tan longa e as limitacións da ancianidade superábanse coa axuda de persoas novas.
Ao revisar mortuorias en La Voz de Galicia, obsérvase a grande proporción delas en que aparece a casa patrucial baixo nome e apelidos (e alcume, se cadra) do defunto. En todas as familias había fillos que quedaban na casa. Fronte a iso, no rural e no urbano dáse hoxe o fenómeno dos vellos independentes: persoas que non poden contar con fillos nin parentes novos, mais tampouco queren abandonar a vivenda na que probablemente formaran a familia. Os maiores de aldea desexan vivir a pé da horta que lles dá a saúde do exercicio e da comida; os de cidade adoran o barrio, a praza, o parque...
Con capital intervención dos enxeñeiros de Telecomunicación, funcionarios e asesores, a Comisión Europea trazou liñas-piares sobre envellecemento activo e atención médica no lar. O un está relacionado co outro pois, malia a actividade saudable dos maiores, o deterioro físico é inevitable. Destes piares foron xurdindo solucións baseadas nos avances en varios aspectos: os sensores e a electrónica ligada a eles e as redes, sen fíos ou con eles.
A miniaturización e a produción masiva dos sensores conduciu a que se poidan medir variables do ambiente e do corpo humano, detectar presenzas e identificar persoas a prezos razoables. Canto ás redes, desenvolvéronse a 2G, a 3G e a 4G con soporte de comunicacións liberadoras de anciáns, mentres nas redes de cabo se pasaba do par telefónico, con baixa capacidade de transmisión, ao coaxial, capaz de transmitir a alta velocidade; ata chegarmos á fibra óptica, cuxa capacidade de transmisión supera á de calquera dispositivo que a ela se conecte. As redes locais de norma wifi, e microrredes de bluetooth e zigbee, completaron a oferta de apoios.
Chegados a este momento, prolifera nos países da Unión Europea o perfil do vello independente... pero menos. Pode ser pensionista activo no eido profesional, persoa disposta a aproveitar o tempo de prórroga con boa saúde ou xa con ela deteriorada (indo a peor segundo aumenta a idade). Pode vivir en compañía doutra persoa do seu tempo (caso dos matrimonios) ou só (pois a viuvez é un estado final natural). En calquera caso, manifesta estar a xeito na casa mentres se poida valer, tanto máis canto máis telecoidado se vexa.
Un proxecto europeo dirixido a ese efecto é o Activage, coa parcería dunha grande empresa galega no deseño e na fabricación. En probas xa para a contorna da vivenda, vai pasar a un novo estadio coa comunicación estendida fóra dela. Na xestión do servizo colaboran o Sergas [3] e a Cruz Vermella, na instalación do equipamento e na relación co usuario a calquera momento de calquera día.
Os técnicos da organización filantrópica estudan a vivenda do usuario e colocan sensores de apertura e peche de portas, da casa e da neveira; de presenza nunha selección de cuartos de uso ineludible: alcoba, baño, estar, escritorio (no caso de actividade profesional na casa); de fume... Todos eses sensores teñen cadanseu emisor vía zigbee. A isto o Sergas engade un conxunto de aparellos (tensiómetros, coagulómetros, básculas...) conectados por bluetooth.
Unha centraliña contén o coordinador das redes do lar (wifi, zigbee, bluetooth...) que recolle os sinais dos sensores, e máis o correspondente enrutador para a conexión da vivenda ao centro de atención da Cruz Vermella (por cabo ou por radio). A centraliña é doada de manexar con botóns, colocados nela máis un de colar; conta cun micrófono de altísima sensibilidade, que recolle a voz do usuario desde calquera recanto da casa, e un altofalante moi potente. A centraliña e as súas funcións garanten seguridade e discreción sobre o que aconteza na vivenda teleasistida.
A comunicación usuario-centro de atención ten calidez humana. O persoal do centro, en función do conversado co usuario e das súas necesidades, dispón como actuar, con medios propios ou do Sergas, os bombeiros, a policía...
O sistema Activage engade un elemento de intelixencia informática moi ben ideado: en base aos rexistros da sensorización, descobre as rutinas do usuario e, no caso de estas se veren alteradas, procede á interrogación vía audio a través da centraliña. A falta de resposta, os responsables dese servizo na Cruz Vermella e no Sergas deciden o que facer a continuación.
A Cruz Vermella reparte responsabilidades con algunha persoa próxima ao usuario (restos do esquema familiar antigo), quen debe custodiar os elementos de acceso á vivenda -as chaves- non lonxe desta, en previsión de ter que entrar a dar socorro ao seus habitantes cando estes non sexan capaces de franquear a entrada (por exemplo, no caso de caída ou perda de conciencia).
Tanto esas persoas de soporte como o usuario dispoñen dunha aplicación para teléfono móbil que amosa a estatística dos sensores, relacionable coas rutinas normais (non abrir a porta da neveira ou non entrar no cuarto de baño indica falta de actividades vitais básicas).
Un novo paso na integración do usuario no sistema de protección baseado na vivenda é dotalo dunha pulseira intelixente conectada ao teléfono móbil vía bluetooth. A pulseira recolle variables vitais do usuario e o móbil envíaas ao centro de control, de xeito que o sistema de seguimento poida prever problemas de saúde e, se os valores se fixeren críticos, dispararía unha alarma, estando o usuario na casa ou xeolocalizado en calquera lugar...
Segundo falamos da 5G e da Internet das cousas, avanza a idea das casas e os edificios intelixentes: todos os aparellos hanse poder comunicar entre eles, e entre eles e os humanos que (polo momento) rexen a vida dos seus conxéneres. Iniciativas coma a do Activage hanse ter que abrir á nova circunstancia tecnolóxica (pensemos nos proxectos de demostración sobre 5G en Galicia, a iniciarse nas cidades, onde tanto vello mora independentemente).
Sería logo bo (e seica xa se está a traballar no asunto) que, contando coas novas ferramentas telemáticas, entre a Cruz Vermella e os seus parceiros tecnolóxicos discorresen como mellorar o sistema nun aspecto crítico: o acceso intelixente -e inviolable- ás vivendas sen necesidade de recorrer ás chaves físicas. Xa se sabe o que implicaría media hora perdida en ilas procurar para abrir a vivenda de alguén que tivo un derrame ou un infarto (e aínda se pode dar o caso de non atopar a quen custodia esas chaves.
Artigo de Xavier Alcalá publicado en La Voz de Galicia o 04/08/2019. [4]
Enlaces:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_10135.png
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/es/javascript:history.back()
[3] https://www.lavozdegalicia.es/temas/sergas
[4] https://www.lavozdegalicia.es/noticia/mercados/2019/08/04/span-langglvellos-teleprotexidos-span/0003_201908SM4P6991.htm