Finalmente comezaron, da man de Telefónica, as xeiras de HackForGood na Universidade de Vigo e noutras 13 institucións académicas estatais de todo o ámbito estatal. Na edición galega deste evento destinado a xuntar grupos de programadores e impulsar a súa creatividade para dar forma a tecnoloxías que creen un mundo mellor están a participar 62 inscritos e inscritas, o dobre que en 2015. En total, son 13 grupos de entre 4 a 5 persoas, todos eles abordando de cheo temáticas como realidade virtual, aplicacións sanitarias, terceira idade, mobilidade para persoas con discapacidade, robótica, sistemas de emerxencia. Estes son os números e ámbitos de traballo dos e das participantes no HackForGood 2016 organizado pola Cátedra Telefónica- UVigo desde o xoves e ata o sábado no edificio Miralles do campus vigués.