O CEIP de Laredo (Chapela, Redondela), un dos nosos principais referentes en afianzamento das tecnoloxías no día a día das/os escolares, comezou ano con forza no que a participación en certames tecnolóxicos se refire. Se recentemente falamos da súa presenza [3]no proxecto educativo-aeroespacial Hana [3] (no que concorre como centro piloto), hoxe puidemos saber que o seu proxecto Donas do Código [4] foi un dos tres seleccionados, de entre 300 centros aspirantes a nivel estatal e latinoamericano, para parar á rolda final do Premio Wisibilízalas [5], convocado por Google e a Universitat Pompeu Fabra coa finalidade de dinamizar a ciencia e as tecnoloxías nos perfís femininos, visualizando figuras referentes nestes eidos. O proxecto galego, finalista na categoría junior con outras dúas achegas, foi realizado pola titora de sexto de EP (Educación Primaria) Paula Pérez, e (por suposto), na compaña das súas alumnas e alumnos.
Os obxectivos de Donas do Código son os seguintes: xerar reflexión no centro de Redondela sobre a menor visibilidade das mulleres en ciencia e tecnoloxía; mostrar mulleres que traballan no ámbito das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), salientando referentes locais, autonómicos, estatais; potenciar as referencias femininas no ámbito da ciencia e a tecnoloxía nun contexto escolar; e sensibilizar sobre a “interdisciplinariedade” do ámbito tecnolóxico: medicamento, pedagoxía, astrofísica... escollendo figuras senlleiras en diferentes ámbitos. Para acadar os ditos obxectivos o alumnado investigou durante o primeiro trimestre do curso 2017-2018 a nove mulleres senlleiras no ámbito do TIC en Galicia, creando unha páxina web específica (donasdocodigo.ceipdelaredo.com [4]) na que describen carreira (biografía, resultados destacados, curiosidades...) de maneira libre (incluíndo texto, fotos, vídeos...) e achegando testemuños inéditos como entrevistas persoais.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_8201.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://codigocero.com/O-programa-HANA-planta-nos-nosos-colexios-a-semente-das-vindeiras-carreiras
[4] http://www.edu.xunta.gal/centros/ceiplaredo/?q=node/755/
[5] https://www.upf.edu/web/wisibilizalas