A Federación Nacional ASPAYM, contando coa participación da escola de audiovisuais da Fundación do Lesionado Medular e en colaboración coa Fundación Vodafone España, realizou tres videotutoriais sobre a utilización dos sistemas de identidade dixital de uso predominante en España.
Os videotutoriais “Me @dministro”, dispoñibles na canle YouTube de ASPAYM [3] e na canle da Fundación Vodafone España [4] pretenden achegar a toda a poboación as numerosas posibilidades que ofrece realizar trámites e xestións telemáticas, que coa chegada do DNI Electrónico (DNIe), a ampla aceptación do certificado dixital da FNMT e a creación do novo Sistema Cl@ve supoñen a porta de entrada á incorporación e dispoñibilidade de cada vez máis servizos electrónicos, da máis diversa índole, con toda a conveniencia, flexibilidade e comodidade que levan estes servizos.
A utilización destes servizos electrónicos e, en particular, os servizos das administracións públicas na vida cotiá son unha poderosa ferramenta para potenciar a autonomía e o empoderamento persoal.
O proxecto “Me @dministro” contou coa participación de persoas con discapacidade, non só como beneficiarios últimos dos seus produtos e contidos, senón tamén na súa creación, desenvolvemento e expansión.
De igual modo, para a realización destes videotutoriais, contouse coa Escola de Audiovisuais da Fundación do Lesionado Medular, que permitiu desenvolver un produto audiovisual dinámico, didáctico e de calidade grazas ao seu equipo de profesionais, tamén persoas con discapacidade.
Por parte da Administración, contouse coa participación do Corpo Nacional de Policía, que a través da División de Documentación asesorou e facilitou as súas instalacións para a realización do videotutorial sobre o DNIe, en particular coa xestión do DNIe e a utilización dos chamados “Puntos de Actualización de DNIe”.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/img_nova_6966.jpeg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()
[3] https://www.youtube.com/playlist%3flist%3dPLbEAd6K4GL33T2mAM75XWv7kyjj9-4F8K
[4] https://www.youtube.com/playlist%3flist%3dPLYmp78TPQAlMHMspDCile2YxByWWrbwcE