A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presidiu esta mañá o Consello Galego de Acción Voluntaria, máximo órgano colexiado en materia de voluntariado. No encontro, que tivo lugar na Sala Colmeiro da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), aprobouse o decreto que regulará o Observatorio Galego de Acción Voluntaria, así como a planificación e a formación en materia de voluntariado, dando así cumprimento ao artigo 36 da Lei 10/2011 de acción voluntaria. Así mesmo, a xuntanza de hoxe tamén serviu para dar conta das novidades das próximas convocatorias de subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e entidades locais neste 2017.
Entidades locais, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), organizacións sindicais, entidades galegas de acción voluntaria, as universidades e a Confederación de Empresarios de Galicia se deron cita nunha xunta na que a directora xeral explicou as principais liñas de traballo do novo decreto, que regulará tres ámbitos de actuación: o participativo, a través da posta en marcha do Observatorio; a planificación, con base aos plan e proxectos elaborados polas entidades de acción voluntaria; e, finalmente, o formativo.
Xa máis polo miúdo e respecto da posta en marcha do Observatorio Galego de Acción Voluntaria, Cecilia Vázquez explicaba que se trata dun órgano colexiado de participación, investigación e asesoramento encargado, entre outras cuestións de elaborar informes e estudos e compilar información en materia de voluntariado ; propoñer as liñas estratéxicas do Plan Galego de acción voluntaria ou analizar o impacto da acción voluntaria nos diferentes sectores. E, ao fío, indicou que estará composto por un presidente e un vicepresidente e seis vogais, nos que estarán representados o Instituto Galego de Estatística (IGE), as tres universidades galegas -un de cadansúa- e as entidades de acción voluntaria con dous representantes que serán designados polo Consello Galego de Acción Voluntaria. Tamén contará cun secretario/a. A súa constitución terá lugar no prazo máximo de tres meses logo da entrada en vigor do decreto aprobado esta mañá.
No eido da planificación, o decreto aprobado esta mañá permitirá o regulamento tanto dos plans como dos proxectos de acción voluntaria, ao tempo que establecerá as normas de vixencia e os criterios básicos de seguimento dos mesmos. E, no ámbito formativo, a norma permitirá o establecemento de niveis: básico, especializado e sectorial. E, ao fío, Cecilia Vázquez destacou que o proxecto de decreto recoñecerá o dereito das persoas voluntarias que reciban formación dunha entidade de acción voluntaria á obtención dun certificado acreditativo de dita participación.
Ordes de axudas
Outro dos asuntos abordados na xunta celebrada esta mañá foi a relativa ás liñas de subvencións que a Xunta de Galicia, a través da Dirección xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, vai por en marcha neste ano en materia de voluntariado e que segundo adiantou a directora xeral incorporarán importantes novidades. Neste senso, Cecilia Vázquez avanzou que se manterán as achegas para as entidades locais e entidades de acción voluntaria adscritas ao programa “Servizo de voluntariado xuvenil”, así como aquelas dirixidas a entidades privadas que desenvolvan proxectos de voluntariado, pero que estas incorporarán melloras para os seus beneficiaron. Concretamente, se referiu ao outorgamento de certificados de experiencias voluntarias no eido do programa de servizo de voluntariado xuvenil ou da incorporación da tramitación electrónica dos expedientes.
Ligazóns:
[1] https://voluntariadodixital.xunta.gal/sites/default/files/images/novas/0-2879-f-img_5107_-_copia.jpg
[2] https://voluntariadodixital.xunta.gal/javascript:history.back()