Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mans manexando un smartphone.

O servizo de videointerpretación da Xunta disporá este ano da aplicación para o sistema operativo IOS

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 22/04/19 (08:49)
  • É unha das iniciativas previstas no acordo de colaboración que vén mantendo a Xunta e a FAXPG para facilitar a relación das persoas xordas coa Administración pública
  • O pasado ano o servizo ampliouse a todos os teléfonos de emerxencias da Xunta o 112, o 085, o teléfono da Muller, o Social, o do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065

 

O servizo de videointerpretación da Xunta contará este ano cunha aplicación para o sistema operativo IOS. É unha das medidas do acordo de colaboración asinado recentemente ente a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) para facilitar a relación das persoas xordas, con dificultades auditivas, ou xordocegas coa Administración pública.

Esta medida súmase as melloras implementadas o ano pasado, coa creación da app para os dispositivos con sistema operativo Android e a extensión do servizo a todos os teléfonos de emerxencia da Xunta: o 112, o 085, o teléfono da Muller, o Social, o do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065 de apoio á mobilidade persoal.

O sistema de videointerpretación está dispoñible desde o ano 2011 de forma presencial a través de terminais ubicados en distintas oficinas públicas e en liña, a través do portal corporativo, para o que se precisaba dun ordenador con webcam. 

O obxectivo desta colaboración é avanzar a prol da integración plena e da igualdade de oportunidades entre as persoas con dificultades auditivas ademais de garantir a igualdade de acceso de todos e todas aos servizos das administracións. 

Nesta mesma liña, o Goberno galego ven colaborando dende o ano 2009 coa Federación para desenvolver programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para facilitar a atención psicolóxica das vítimas de violencia de xénero con discapacidade auditiva.

Tema: Xeral
Fonte: AMTEGA
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal