Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

O CPEIG colabora na celebración no CESGA do Día das Rapazas nas TIC

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 08/04/19 (09:16)

O Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) na organización da sétima edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC, ICT-Go-Girls!, que se conmemorará o vindeiro 25 de abril. Celebrarase unha mesa redonda e diversos obradoiros tecnolóxicos na sede do CESGA en Santiago (avenida de Vigo, s/n), destinados a escolares de toda Galicia, de 11:00 a 13:30 horas.

Catro mulleres galegas, Pilar Vila, Sonia Valladares, Mercedes García e Leticia Faria, que investigan, traballan e emprenden coas TIC, participarán nun coloquio onde contarán a súa experiencia e responderán a todas as preguntas que se fagan desde os distintos centros escolares: 

  • Pilar Vila Avendaño. Enxeñeira informática, vogal da Xunta de Goberno do CPEIG, analista forense e perito xudicial informático. É CEO da empresa Forensic Security, e experta en ciberseguridade.
  • Sonia Valladares Rodríguez. Enxeñeira en telecomunicacións pola UVIGO, investigadora en biotecnoloxía, especialmente na aplicación de Machine Learning, TICs e técnicas de ludificación na detección precoz do deterioro cognitivo. 
  • Mercedes García Rodríguez. Tradutora, desenvolvedora de software, co-organizadora de GalsTech. R&D Manager en 1Millionbot, empresa de desenvolvemento de chatbots conversacionais. É unha das tres Google Developer Experts de Galicia e a primeira muller en selo.
  • Leticia Faria de Pazos. Licenciada en Administración e Dirección de empresas. Traballa no departamento de Desenvolvemento empresarial innovador en Tecalis (Ames). Brand Manager de Signen KYC (un quiosco dixital con firma dixital, con securización mediante Blockchain, etc.). 

Ademais, de 17:00 a 19:00 horas, celebraranse uns obradoiros e demostracións lúdicas de como as TIC chegan a diferentes ámbitos para alumnos e alumnas de 10 a 15 anos. Estes obradoiros estarán impartidos por persoal do CESGA e voluntarios colexiados do CPEIG. Organizaranse visitas didácticas ao superordenador Finis Terrae II, ferramenta de computación destinada a abordar proxectos de investigación, reducindo de modo considerable os tempos de execución das aplicacións actuais. Celebrarase un taller de robótica, onde os participantes poderán experimentar con varios robots de hardware aberto. Tamén se organizará un obradoiro de impresión 3D; un taller de iniciación á programación, e demostracións de realidade virtual e mixta, Makey-Makey, un kit de creación interactiva, etc.

Concurso #ApuntasTech?

Ademais, no marco do Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA e o CPEIG, no seu interese por promover as vocacións tecnolóxicas femininas, lanzan o primeiro concurso #ApuntasTech?
A Secretaría de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto Europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das TIC, especialmente para conseguir que as mulleres alcancen una presencia igualitaria en el sector, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera clave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre las rapazas.

O concurso ApuntasTech? pretende, dun xeito lúdico e aberto, escoitar a todas as partes implicados para poder reunir as mellores propostas, e xerar un catálogo dinámico para poder traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fóra dela, en actividades extraescolares, en familia, etc. Posteriormente, elaborarase unha recompilación das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes repositorios de materiais educativos online.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal