Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Técnicos de DOWN España reunidos.

Entidades de DOWN España fórmanse en realidade virtual para o desenvolvemento do programa "Yo me prep@ro"

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 18/03/19 (10:38)
  • A edición deste ano é #Virtualjob e céntrase neste tipo de realidade como ferramenta para mellorar o acceso ao emprego das persoas con síndrome de Down

 

Por quinto ano consecutivo, a Fundación Vodafone España segue impulsando o programa "Yo me prep@ro", desenvolvido por DOWN España en colaboración con Fundación Vodafone España. Trátase do proxecto máis completo e de maior alcance que hai no noso país para a formación en novas tecnoloxías da información a mozos e adultos con síndrome de Down. O obxectivo que se persegue con este programa inclusivo é facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias e, en definitiva, a súa inclusión social. Desde o ano pasado, "Yo me prep@aro" incorpora a realidade virtual como ferramenta para mellorar o acceso ao emprego das persoas con síndrome de Down. De feito, a edición deste ano é #Virtualjob, facendo alusión ao devandito elemento tecnolóxico.

Este martes, os técnicos de 19 entidades asociadas a DOWN España recibiron unha formación na sede da Fundación Vodafone España para coñecer as novidades do proxecto para poder trasladalas a cada unha das súas sedes. Nesta ocasión, o programa compleméntase cunhas lentes de realidade virtual, a través das cales se simulan dous escenarios. Un deles é unha entrevista de traballo, na que o usuario das lentes atoparase ante unha situación que podería ser real e que lle servirá como adestramento ante unha futura entrevista de traballo. A outra representa casos de emerxencias que poidan presentarse no lugar de traballo.

A formación, na que se atopaban Pedro Martínez, director do programa "Yo me prep@ro",  Mari Satur Torre, directora xeral da Fundación Vodafone España, Tomás de Andrés, Director de Innovación Dixital e Rosana Menendez, Responsable de Comunicación e Proxectos Sociais da fundación, centrouse en "facer que profesionais aprendan a utilizar as lentes e as súas aplicacións para poder formar aos seus alumnos", explica Martínez.

"A idea é que poidan formar a mais de 250 persoas para conseguir, polo menos, que o 30% deles teña unha oportunidade laboral en entrono ordinario", engadiu.

As 19 entidades federadas a DOWN España que recibiron a formación son: Aspanri DOWN, DOWN Castelló, DOWN Sevilla e provincia, DOWN Vigo, DOWN Granada, DOWN Córdoba, DOWN Málaga, DOWN Toledo, FUNDOWN, DOWN Ourense, ASSIDO Murcia, DOWN Coruña, DOWN Valladolid, FUNDABEM, DOWN Xerez Aspanido, DOWN Sabadell ANDI, DOWN Palencia, DOWN Principado de Asturias e DOWN Ávila.

 

Un proxecto de éxito

O proxecto "Yo me prep@ro" alcanzará nesta quinta edición o maior número de alumnos con síndrome de Down implicados nun programa de formación en TIC. Serán 240 persoas as que, no transcurso das 700 horas formativas impartidas no programa, adquirirán coñecementos en aspectos tan importantes como o uso de programas informáticos, a navegación por Internet ou a interacción con diversas aplicacións móbiles.

Os novos participantes sumaranse aos 960 mozos de edicións anteriores que recibirán un reforzo á súa formación, sumando un total de 1202 alumnos que se beneficiarán do programa nesta nova edición.

Como complemento á súa formación, os alumnos terán a oportunidade de realizar prácticas laborais en empresas ordinarias da súa contorna. DOWN España adquiriu o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos 72 dos participantes do proxecto. Sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, o proxecto "Yo me prep@ro" conseguirá durante os seus cinco anos de execución un total de 367 insercións en empresas ordinarias de todo o país.

 

Convenio marco

A realización deste proxecto enmárcase dentro do Convenio Marco subscrito o 8 de novembro de 2013 entre a Fundación Vodafone España, Plena Inclusión e DOWN España para a realización de actividades conxuntas en materia de accesibilidade e inserción laboral que redunden en mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade intelectual.

Este convenio busca fomentar a innovación tecnolóxica aplicada á accesibilidade e fai especial fincapé naquelas iniciativas que contribúan á participación das persoas con discapacidade intelectual no ámbito laboral a través de proxectos piloto de innovación e sesións formativas e de divulgación.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Vodafone España
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal