Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da iniciativa.

Ames achega unha longa listaxe de obradoiros informáticos para todas as idades

Versión para impresiónSend by email
Ames, 07/03/19 (14:35)

Concello de Ames e a aula CeMIT local veñen de presentar un amplo programa formativo para esta recta final do inverno e o comezo da primavera: unha longa listaxe de cursos para todas as idades e para todos os niveis de coñecemento. As actividades xa comezaron estes días con diversas accións centradas na xuventude: un obradoiro sobre xadrez impartido por Alberto Dios (este venres pasado), un sobre o manexo de rato e o teclado destinado a menores de oito anos (estes luns 4), un sobre as técnicas de fotomontaxe para adolescentes) e dous (este mércores) sobre programación con Scratch. Segundo informou o Concello, en Semana Santa repetiranse boa parte destes obradoiros para quen non puidera acudir aos xa celebrados. 

Desta maneira, recuncará o obradoiro sobre o manexo do rato e o teclado destinado a menores de oito anos o luns 15 de abril, en horario de 10.00 a 12.00 horas. Tamén haberá máis talleres sobre programación co novo Scratch, no que os/as rapaces/as aprenderán as nocións básicas desta ferramenta de cara a facer unha actividade libre relacionada co entroido. O día 16 estará destinado para menores de 10 anos e o 17 os alumnos e alumnas serán os maiores desta idade. Ambas actividades realizaranse de 10.00 a 12.00h. 

aula CeMIT de Ames continuará en marzo a impartir o ciclo de introdución á informática, formado por tres cursos enfocados en achegar a informática aos adultos, dende o punto máis básico ata un uso máis avanzado de Internet. A primeira destas ensinanzas, impartida en febreiro, levou por título Iniciación á Informática e buscou introducir aos participantes no uso dun ordenador. A partir de aí, todos os martes, mércores e xoves do 7 ao 21 de marzo, impartirase un curso de Iniciación a Internet, no que se partirá dun uso básico do ordenador para introducirse na Rede, co obxectivo de sacarlle o máximo partido. Así, ensinarase a usar o navegador de Internet e os distintos buscadores, así como o manexar múltiples e útiles servizos na rede como prensa, radio, televisión...

O remate do ciclo virá co Curso de Iniciación ás redes sociais, a través do que os participantes poderán ver de primeira man as posibilidades que ofrecen redes sociais como Facebook, Twitter, Instagram ou Youtube. A devandita actividade realizarase do 26 ao 28 de marzo en horario de 10.30 a 12.00h, ao igual que os anteriores.

Asemade, despois dos obradoiros sobre o manexo do procesador de textos LibreOffice Writer, chega o momento de pasar ao manexo das follas de cálculo LibreOffice Calc. Así, do 7 ao 21 de marzo impartirase un primeiro curso das nocións básicas desta ferramenta, mentres que do 26 marzo ao 4 de abril terá lugar unha segunda parte na que se afondará nas súas posibilidades. Ambos obradoiros impartiranse os martes e xoves en horario de 18.15 a 19.45h. O ciclo pecharase cunha última formación centrada en como realizar presentacións co LibreOffice Impress, que se realizará os martes e xoves do 9 ao 16 de abril, de 17.45 a 19.45 horas.

 

Charla sobre a contratación de viaxes e a economía colaborativa
Co fin de dar a coñecer os dereitos que nos amparan cando contratamos e realizamos unha viaxe, un coñecemento que converte ao usuario nun consumidor/a responsable, conectarase a aula CeMIT local (a través de videoconferencia) coa Escola Galega de Consumo, o luns 11 de febreiro, de 12.00 a 13.00h, onde se desenvolverá unha charla sobre consellos para tomar certas precaucións á hora de deseñar as viaxes e conseguir unha boa experiencia en todos os sentidos. Ademais, a charla completarase cun achegamento ao concepto de economía colaborativa, e a análise dos diferentes servizos ofertados polas novas plataformas que nos últimos anos están a xurdir no mercado.

 

Cursos para adultos
No mes de abril, impartirase un curso de iniciación para aprender a manexar o móbil intelixente. Así, os/as participantes achegaranse ao Android e poderán resolver todas as dúbidas que os e as asaltan sobre o seu uso diario. Para isto, afondarase no manexo da interface de Android e as súas principais aplicacións. A actividade impartirase todos os martes e xoves, do 2 ao 25 de abril, en horario de 10.30 a 12.00h. Por outra banda, do 23 de abril ao 2 de maio, todos os martes e xoves realizarase un novo curso sobre a Administración Electrónica e as súas posibilidades. Así, buscarase “derrubar os variados problemas e dúbidas que un usuario se pode atopar cando decide converterse nun cidadán dixital”. Para iso, afondarase en todo o necesario para familiarizarse co emprego do DNI electrónico, os certificados dixitais, a Chave365, como acceder á sede electrónica do Concello de Ames e ao portal É-Saúde, entre outros servizos. O curso realizarase en horario de 18.15 ao 19.45 horas.

 

Exames EMA
Nos meses de marzo e abril tamén se realizarán exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, a primeira destas probas realizarase o venres, 15 de marzo, de 12.00 a 13.00h, mentres que en abril terá lugar o venres 12, en horario de 17.30 a 18.30 horas.

 

Exames CODIX
Ao longo de marzo abrirase a convocatoria para realizar o exame CODIX en modo teleformación. Os inscritos que resulten escollidos no sorteo terán que realizar ao longo de tres meses un curso online de aproximadamente 200 horas dende o Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA), o que lles permitirá presentarse ao exame. 

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal