Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes na homenaxe.

O CPEIG distingue a figura de Ana María Prieto con motivo do Día da Muller

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 07/03/19 (09:29)

Co gallo do Día Internacional da Muller (este 8 de marzo), o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizou un acto de celebración no que homenaxeou “a transcendencia para a profesión” do labor da primeira programadora galega, Ana María Prieto López, que faleceu en xuño de 2018 aos 76 anos de idade. O acto conmemorativo desenvolveuse a Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) da Universidade de Santiago (USC)

En nome da profesional distinguida asistiron o seu viúvo Antonio García López e a súa filla Clara García Prieto, que recibiron das mans do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a primeira figura institucional do colexio profesional (peza da marca de cerámica galega Sargadelos). No acto participaron tamén o director da ETSE, Antonio Mosquera; o ex reitor da USC, Juan Lema; o ex director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e vogal do CPEIG, Javier García Tobío; amais do xornalista e autor do libro A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía (Andavira Editorial/ CPEIG, 2015), Henrique Neira.

Segundo o CPEIG, Ana María Prieto López (Santiago de Compostela, 1942- Becerreá, 2018), foi “a primeira programadora galega da que se tivo constancia”, e do seu importante legado xa deixou constancia o colexio no libro A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía, publicación coordinada por Fernando Suárez e Javier García Tobío. 

Na súa intervención, o presidente do CPEIG lembrou que a figura de Ana María Prieto comezou a destacar dende os primeiros intres da súa carreira profesional, co mérito duplo de facelo nunhas contornas dominadas pola presenza masculina. “Deu un paso adiante en prol da igualdade, e a pesar das dificultades, conseguiu abrirse camiño con valentía e carácter emprendedor nunha profesión masculinizada, compaxinándoa ademais coa súa vida familiar”, sinalou Suárez, facendo fincapé “na necesidade actual de incorporar mulleres á carreira profesional de Enxeñaría en Informática, que aínda presenta unhas cifras moi baixas do 12-13% de matriculación nos primeiros cursos da titulación universitaria”. E engadiu: “Nun presente e futuro dixitais é preciso normalizar a presenza da muller en todos os ámbitos da profesión, potenciando a representación feminina na Enxeñaría en Informática e noutras disciplinas técnicas” . O presidente do CPEIG tamén destacou que o colexio, no seu labor de visualización das importantes contribucións das mulleres nas TIC, leva a cabo actividades como o entrega do premio Ada Byron a mulleres enxeñeiras en informática no seu evento anual da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, amais de achegar a públicos de todas as idades a relevancia do mundo dixital e aproximar a materia de estudio como un obxecto abordable e comprensible.

Moi agradecida por este xesto de homenaxe, Clara García Prieto describiu a súa nai como unha muller “humilde” que nunca lle deu a importancia que tiña ao seu traballo nin ao que logrou no plano profesional. “Programar foi a súa vida, e con 20 anos abandonou unha carreira tradicional como a de Farmacia para demostrar o seu amor polas matemáticas”, manifestou, aínda que desta historia e dos seus logros confesou que tiveron conta non fai moitos anos. Antonio Mosquera precisou que a Enxeñaría en Informática segue a ser unha profesión “moi masculinizada”, situación aínda máis acusada neste últimos anos nos que se aprecia unha certa sensación de retroceso. “Casos como o de Ana María Prieto son fundamentais para que as mulleres teñan a un referente que xa rompeu barreiras”, dixo.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal