Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Nena lendo un conto.

Aprender xogando: videoxogos para nenos con discapacidade

Versión para impresiónSend by email
Xirona, 27/07/18 (13:34)
  • Silvia Quera e Yolanda Peregrín crearon Animal Hero Universe, un videoxogo terapéutico para mellorar as capacidades cognitivas en nenos con síndrome de Down

 

Foi unha investigación científica a que as inspirou a empezar este proxecto. Un estudo realizado polo Centro de Regulación Xenómica de Barcelona descubriu que un composto do té verde, en combinación coa estimulación cognitiva, era capaz de mellorar a función cerebral en nenos con síndrome de Down. Pero atopáronse cun problema: os nenos non querían facer os exercicios, dicían que eran aburridos e que era como ir ao colexio. O tratamento non estaba a funcionar e Silvia Quera e Yolanda Peregrín, naquel momento estudantes de grao en Audiovisuais e Multimedia no ERAM da Universidade de Xirona, propuxeron unha solución.

"Tiñamos unha misión. Crear un xogo que fose divertido e motivador para estes nenos, pero que á súa vez escondese o contido terapéutico que eles necesitaban. Así é como naceu Animal Hero Universe, un videoxogo serio con fins terapéuticos deseñado para mellorar e reforzar as capacidades cognitivas en nenos con síndrome de Down. Os xogos serios son aqueles que teñen un obxectivo máis aló de entreter. Serio significa rigoroso, non aburrido, porque é un xogo e os xogos son divertidos", explican as dúas emprendedoras ao Confidencial.

Hero é o seu protagonista, un neno que terá que superar unha serie de obstáculos e dificultades para recuperar á súa mascota Axel, así como aos demais animais na Terra. Para iso necesitará a axuda dos xogadores, que se sentirán os heroes da historia. O seu obxectivo é que, a longo prazo, os nenos con síndrome de Down poidan ter os seus propios superpoderes. "Non só mentres xogan ao noso videoxogo senón tamén na vida real. Así melloraremos a súa calidade de vida. Ter dificultades non lles fai máis débiles senón que os motiva a loitar con máis forza", subliñan.

Ámbalas dúas lembran con agarimo que, "a medida que fomos avanzando no proxecto tivemos a oportunidade de coñecer a diferentes nenos con síndrome de Down. Empezamos a aprender sobre eles, a súa personalidade única e a maneira na que superan os retos aos que se enfrontan diariamente. Canto máis tempo pasabamos con eles, máis nos dabamos conta de que eles xa eran superheroes. Ver o positivismo que expresaban foi o que nos mantivo traballando neste proxecto. Os xogos, xunto coa ciencia, poderían axudar aos nenos".

Animal Hero Universe tamén está composto por un documental, unha web e un conto infantil interactivo. Naceu en 2014 a partir dun traballo universitario e, aos poucos, foron sumando colaboradores e especializándose en distintas áreas do videoxogo para axustalo exactamente ás necesidades dos menores

En 2017 participaron no programa de emprendemento Explorer, Mozos con Ideas, promovido por Banco Santander, co que obtiveron 5 meses de formación e 'mentoring' en emprendemento. O seu proxecto resultou gañador na final local de Xirona e xunto a medio cento de mozos emprendedores, tiveron a oportunidade de viaxar ata Silicon Valley, California para participar nunha auténtica inmersión formativa, cultural e tecnolóxica.

 

Un xogo personalizado

En Animal Hero Universe cada pantalla está pensada para desenvolver unhas capacidades diferentes sen que sexa repetitivo. Non queren que os nenos se aburran pero tampouco que deixen de aprender. Contan que o valor engadido do videoxogo é que "ten unha parte científica detrás. Traballamos en estreita colaboración coas investigadoras e o equipo de psicopedagogos da Fundación Astrid21 para asegurarnos de que os nenos poden sacarlle o máximo partido. Queremos saber que lles gusta e que é realmente o que necesitan. Deseñamos as probas e comprobamos con eles que son útiles".

De feito, un dos ases do proxecto é a personalización. A través dun sistema de dificultade progresiva, os xogadores non teñen que escoller que proba facer senón que, segundo os resultados que obteñen, o sistema calibra a dificultade e propón unha proba ou outra en cada momento. "Así conseguimos evitar a frustración ou o abandono traballando cada un ao seu ritmo. A finalidade é axudarlles a gañar máis autonomía, que decidan eles mesmos. Desenvolver capacidades como a memoria, a coordinación ou a concentración que van necesitar no futuro para vivir sós ou traballar", reflexionan.

Animal Hero Universe é un grande universo que empeza a expandirse. "Empezamos deseñando un xogo para nenos con síndrome de Down, pero xa estamos a deseñar outros videoxogos que se adapten ás necesidades de nenos con problemas distintos, como o autismo ou a hiperactividade". Na súa opinión, "os videoxogos permiten que os nenos se impliquen nos exercicios dunha maneira moito máis activa. A interacción e o tipo de exercicios que se poden facer en soportes analóxicos son moi limitados".

A vantaxe destes videoxogos, destacan, é que os nenos "non son conscientes de que están a traballar senón que o fan porque lles gusta. A motivación que invisten tradúcese nunha mellora significativa nos resultados de aprendizaxe. Queremos que os nenos aprendan xogando, pero que se divirtan e que aprendan tamén de verdade. Ten que ser unha alternativa divertida aos materiais de aprendizaxe, non un material obrigatorio. En consecuencia, un maior rendemento na escola ou outros ámbitos da súa vida darase de forma natural".

De momento, xa hai asociacións que contactaron con elas para colaborar. "Agora mesmo estamos a traballar cunha organización deportiva que ten nenos con autismo. Cando van esquiar no inverno, poñerse as botas e os esquís suponlles unha gran dificultade. Estamos a facer probas para axudalos".

Silvia e Yolanda enfróntanse a diario ás dificultades de ser novas, mulleres e emprendedoras. Mirando ao futuro aspiran a ser unha marca recoñecida de videoxogos para nenos con discapacidades. Agora prepáranse para dar o seu primeiro gran salto: este verán lanzarán unha demo gratuíta de Animal Hero Universe para iOS e Android. Logo abrirán un "crowdfunding" para desenvolver o videoxogo enteiro. Por agora estará dispoñible en español, catalán e inglés e dirixirase a nenos a partir de 7 e 8 anos aínda que xa preparan máis xogos pensados para outros rangos de idade.

Tema: Xeral
Fonte: El Confidencial
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal