Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

O Ministerio de Sanidade selecciona o Programa Voluntariado Dixital da Xunta para ser analizado nun seminario por expertos en políticas de inclusión social doutros estados da UE

  • A Comisión Europea elixirá entre as propostas dos países membro a iniciativa que será obxecto da celebración dun seminario Peer Review, no que se fai unha análise crítica sobre a política concreta levada a cabo polo país anfitrión.

  • De ser elixida a proposta española o seminario celebraríase na capital galega antes do verán.

  • No ano 2013 poderán organizarse ata 8 xornadas deste tipo a nivel europeo que buscan fomentar a aprendizaxe mutua entre países e promover a difusión de boas prácticas entre os estados membros

Versión para impresiónSend by email
25/02/13 (08:47)

O Ministerio de Sanidade e Servizos Sociais vén de propoñer á Comisión Europea que o Programa de Voluntariado Dixital da Xunta sexa obxecto dun seminario Peer Review a nivel europeo como exemplo de boa práctica en materia de inclusión social a través das TIC.

Os seminarios Peer Review ou avaliacións por pares son unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea para difundir entre os países membro iniciativas e proxectos de interese en determinados ámbitos para fomentar a aprendizaxe e o intercambio de información a través da avaliación e a análise crítica por parte de expertos nesa materia. Este método supón que o  Estado membro, cuxa iniciativa resultou elixida, organiza un seminario no seu territorio ao que invita representantes doutros países.

No caso de que a proposta de España sexa finalmente a elixida pola Comisión Europea o seminario para a analizar o Programa de voluntariado Dixital  celebrarase en Santiago de Compostela antes do verán. Nese caso, a capital galega acollería a expertos europeos en políticas de protección social, inclusión social e novas tecnoloxías que estudarían a efectividade desta iniciativa.

Os Peer Review permiten aos gobernos, que se someten a revisión, coñecer as opinións e experiencias dos seus homólogos europeos na devandita política e, deste xeito, deseñar e implementar políticas máis efectivas no futuro. Tamén favorece o diálogo cos grupos de interese: axentes sociais, ONG e mesmo, nalgunhas ocasións, coas persoas ás cales se dirixen a política en cuestión.

Para cada "peer review" prepárase un documento de discusión, elaborado por un experto independente e, nalgúns casos, compleméntase cun informe elaborado por un experto do país anfitrión. Ademais, os Estados membro e os grupos de interese europeos invitados ao seminario elaboran informes de opinión que se engaden ao documento.

Programa de Voluntariado Dixital

Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo   achegar as novas tecnoloxías á unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas TIC e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital. Por iso contará coa colaboración e compromiso de persoas voluntarias, entidades de acción voluntaria, organismos públicos e privados e empresas que actúan como mecenas dixitais.

78 entidades colaboradoras e 220 voluntarios

Desde a posta en marcha do Programa Voluntariado Dixital, un total de 41 entidades de acción voluntaria, 14 organismos colaboradores e 23 empresas do sector tecnolóxico asinaron os protocolos de colaboración nos que se establece a súa participación no Programa de Voluntariado Dixital. A esta colaboración súmase a solidariedade de 220 persoas que se adheriron a iniciativa como voluntarios dixitais. Os único requisitos que deben cumprir son ser maior de idade e ter un coñecemento tecnolóxico de usuario medio.

 

Tema: Xeral
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal