Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Entrega de diplomas "Estamos prep@rados".

Down Ourense e a Fundación Vodafone España premian a empresas Ourensás por promover a inclusión laboral das persoas con síndrome de Down

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 22/06/18 (11:09)
  • 11 empresas de Ourense participantes no programa "Yo me prep@ro" recibiron un diploma que recoñece o seu apoio á inclusión laboral das persoas con síndrome de Down
  • Grazas a este programa, en 2017 8 mozos da localidade recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías
  • Cando conclúa esta edición do programa conseguiranse máis de 300 insercións laborais en empresas ordinarias de todo o país.

 

11 empresas ourensás que participaron no programa "Yo me prep@ro", recolleron esta mañá o diploma "Estamos prep@rados" por dar oportunidades laborais a persoas con síndrome de Down e, desta forma, recoñécese o seu apoio na inserción laboral do colectivo. O acto, organizado por Down Ourense e a Fundación Vodafone España, tivo lugar esta mañá na Confederación de Empresarios de Ourense.

Estas empresas ofreceron aos alumnos a oportunidade de realizar prácticas formativas nas súas instalacións, ou mesmo entrar a formar parte dos seus cadros de persoal: Fundación San Rosendo, Pérez Rumabo, Domino´s Pizza, Refigal, Rodríguez López Auto, Feuvert, Primux, Ferrovial, Campsa. E é que a pesar de contar coa formación adecuada, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down do noso país puido demostrar a súa valía laboral; por iso, para o colectivo é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial local.

Durante o acto, que foi presidido polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, tamén se fixo entrega dun diploma aos 8 mozos con síndrome de Down que participaron e superaron o programa. Con este certificado, ambas as entidades acreditan que os mozos adquiriron as destrezas en TIC´s que lles permitirán formar parte do mercado laboral ordinario: manexar programas ofimáticos, usar diversas aplicacións móbiles ou navegar por Internet e mandar correos, entre outras habilidades.

Tanto os mozos como os empresarios compartiron as súas experiencias, destacando as vantaxes que ofrece para as empresas contar con persoas con discapacidade intelectual entre os seus traballadores xa que, ademais de realizar as súas tarefas con meticulosidade e moita organización, melloran o clima laboral e transmiten alegría e optimismo aos seus compañeiros. Así, animaron a outras empresas a que aposten por políticas inclusivas que ofrezan oportunidades laborais a traballadores con esta discapacidade intelectual.

No acto interviñeron a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Sofía Godoy; a vicepresidenta da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), Marisol Novoa; o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Severino Castroman; e Sonia González, membro da Xunta Directiva de Down Ourense

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense destacou a importancia deste tipo de programas formativos en Novas Tecnoloxías para favorecer o acceso ao emprego, do que dixo que "debe de ser a ferramenta esencial para que unha persoa sexa un membro activo da sociedade".

A concelleira de Asuntos Sociais tamén se pronunciou respecto diso: "Grazas á segunda edición de programas como este, 16 alumnos puideron romper os medos ás novas tecnoloxías. Agradecemos a colaboración da Fundación Vodafone España e de Down España, xa que programas como estes son os que permiten a inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual".

Pola súa banda, a vicepresidenta da CEO tamén agradeceu ás entidades involucradas no desenvolvemento do programa o "poñer ferramentas para romper barreiras, cremos que isto é fundamental para que o colectivo poida incluírse na sociedade e salvar, así, a fenda dixital existente".

O responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia aproveitou a ocasión para dar os parabéns aos alumnos que "son os verdadeiros protagonistas, eles demóstrannos que se pode avanzar". Tamén animou a outras empresas a que participen neste programa.

Durante a súa intervención, a representante da Xunta Directiva de Down Ourense agradeceu á Fundación Vodafone España "o proporcionar oportunidades como estas que permiten que persoas con síndrome de Down e discapacidade Intelectual se formen en novas tecnoloxías, tan indispensables no mundo actual".

Ao termo, Eva Fraga, alumna do programa "Yo me prep@ro", contou a súa experiencia persoal como auxiliar de comedor nunha residencia de anciáns e aproveitou para facer un chamamento ás empresas para que dean oportunidades a persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual.

Tamén interviñeron o director de Recursos Humanos da Fundación San Rosendo, Daniel Novoa, que falou da súa experiencia coa contratación de Verónica Pardellas, da que dixo que foi "un claro exemplo de éxito laboral". Pola súa banda, a directora da Residencia Divino Mestre e Grupo Caldaria, Mónica Pereira, relatou a súa experiencia con outra das participantes, Andrea Igrexas, que aos poucos se fixo un oco na empresa "adaptouse moi rapidamente ao programa, ao centro e ao resto dos seus compañeiros. Estamos moi agradecidos a Andrea en todas as súas vertentes

 

O programa "Yo me prep@ro". 

O obxectivo do programa "Yo me prep@ro", que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlles a salvar a fenda dixital que os pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Nesta edición recibiron formación en novas tecnoloxías 8 usuarios de Down Ourense que adquiriron as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado. Estes alumnos de Ourense sumaranse a outros en diversas provincias, alcanzando un total de 960 mozos que recibirán esta formación en toda España.

Na súa formación contan co apoio de catro novos vídeo-tutoriais que a través dunha linguaxe sinxela e accesible, reforzarán os coñecementos ofrecidos no proxecto, e permitirán a calquera usuario comprender como se obtén e para que serve o DNI electrónico, descargar apps para Smartphone ou manexar con soltura aplicacións como WhatsApp.

Tras o éxito de anteriores edicións o proxecto afronta este cuarto ano a nivel nacional con renovado impulso, pois superou as expectativas tanto no número de prácticas conseguidas como na cifra de contratacións alcanzadas: sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, "Yo me prep@ro" conseguiría durante os seus catro anos de execución un total de 319 insercións laborais en empresas ordinarias de todo o país.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Vodafone España
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal