Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación da Galicia Maker Faire.

A cuarta Galicia Maker Faire confirmará o protagonismo de Santiago como cidade argalleira

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 21/06/18 (11:07)

Onte presentouse na Cidade da Cultura a cuarta edición de Galicia Maker Faire, a gran feira galega do coñecemento, das capacidades tecnolóxicas para compartir e da filosofía, apicada á innovación do noso tempo, de “se queres, podes facelo” (o movemento Maker). Na cita participaron Marta Lois, concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo; Berta Álvarez-Buylla, responsable do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura, e Matilde Rodríguez Domínguez, co-organizadora da Galicia Maker Faire. A cita, segundo fixeron saber, celebrarase no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura do 23 ao 25 de novembro. 

As participantes na presentación tamén coincidiron á hora de asegurar que a Maker Faire é “a maior feira de inventores do mundo”, un escaparate “para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas” e que aglutina creatividade en ámbitos como a gastronomía, a robótica, a mecánica, a ciencia, a arte urbana, a música, a electrónica ou a artesanía.

No acto de hoxe, no que se lembrou que durante as edicións de 2015, 2016 e 2017 acudiron máis de 30.000 asistentes e ao redor de 500 argalleiros expuxeron os seus proxectos, fíxose fincapé no especial significado desta cuarta entrega, que será a confirmación definitiva do evento “como o máis importante da Península” na súa materia, tanto en número de argalleiros como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de cidades como Roma e París.

Respecto do programa, o venres celebrarase unha xornada enfocada en exclusiva ao sector profesional da industria 4.0 e movemento Maker, “favorecendo así que os expositores poidan dirixir dun modo máis óptimo a súa oferta de produtos e servizos, diversificándose en función do diferente público obxectivo”. 

Polo que atinxe á fin de semana, manterase para o público xeral, cunha programación para todos os públicos que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos, entre outras moitas mais actividades programadas.

Para esta edición, a organización volve apostar tamén pola “internacionalidade do evento”, con relatoras/es e expositores de referencia, entre os que cómpre salientar (como primeiro confirmado) ao deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, unha das empresas mais coñecidas de creación de robots humanoides a nivel mundial.

Durante o evento o público poderá votar aos mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 12 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc).

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal