Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Acto de entrega dos diplomas.

Down Pontevedra Xuntos e a Fundación Vodafone España recoñecen a alumnos/as con síndrome de Down preparados para dar o salto ao mercado laboral

Versión para impresiónSend by email
Pontevedra, 18/06/18 (11:52)
  • 8 mozos con discapacidade intelectual recibiron un diploma que acredita que están preparados/as para traballar nunha empresa ordinaria
  • Este ano recibiron formación prelaboral en Novas Tecnoloxías 8 persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual de Down Pontevedra Xuntos
  • Preto de 1.000 alumnos con discapacidade intelectual de toda España formaron parte do programa "Yo me prep@ro"

 

Esta mañá tivo lugar en Pazo Mugartegui (Pontevedra), "Estamos prep@rados", un acto de recoñecemento no que Down Pontevedra Xuntos e a Fundación Vodafone España entregaron diplomas aos 8 mozos con síndrome de Down que superaron o programa "Yo me prep@ro" de formación en Novas Tecnoloxías. Con este certificado, ambas as entidades acreditan que os/as mozos/as adquiriron as destrezas nas TIC que lles permitirán formar parte do mercado laboral ordinario: manexar programas ofimáticos, usar diversas aplicacións móbiles ou navegar por Internet e mandar correos, entre outras habilidades.

A encargada de repartir estes títulos foi a responsable local do programa "Yo me Prep@ro", Paula Villaverde Gondar, quen tamén entregou diplomas ás empresas participantes no programa polo seu apoio á inclusión laboral do colectivo: Sincofa S.L., Deputación de Pontevedra, Arume Alimentación Saudable Galega, Asociación Manaia, BBVA, A´Devesa e Alcampo SAU. Estas empresas ofreceron aos/ás alumnos/as a oportunidade de realizar prácticas formativas nas súas instalacións ou mesmo entrar a formar parte dos seus cadros de persoal. E é que a pesar de contar coa formación adecuada, tan só o 5% das persoas con síndrome de Down do noso país puido demostrar a súa valía laboral; por iso, para o colectivo é indispensable contar co apoio e a colaboración do tecido empresarial local.

Tanto os/as mozos/as como os/as empresarios/as compartiron as súas experiencias, destacando as vantaxes que ofrece para as empresas contar con persoas con discapacidade intelectual entre os seus traballadores/as xa que, ademais de realizar as súas tarefas con meticulosidade e moita organización, melloran o clima laboral e transmiten alegría e optimismo aos seus compañeiros/as. Así, animaron a outras empresas a que aposten por políticas inclusivas que ofrezan oportunidades laborais a traballadores/as con esta discapacidade intelectual.

No acto interviñeron a deputada da Área de Emprego, Monserrat Magallanes; o secretario territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ramón Pereiro; a concelleira de Benestar Social e Deportes do Concello de Pontevedra, Anxos Riveiro; o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia, Jesús Sueiro; e o presidente de Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez.

A deputada da Área de Emprego comezou resaltando a importancia da formación para acceder ao mercado laboral. Tamén afirmou que a sociedade "necesita esa integración real e efectiva tratando de eliminar aquelas barreiras que fan que, para algunhas persoas, sexa un pouco máis diferente conseguir o que todos queremos: que é desenvolver un horizonte, un proxecto de vida e ser, en definitiva, independentes social e economicamente".

O secretario territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra aproveitou a ocasión para lembrar o compromiso da Xunta "coa visibilidade e concienciación pública respecto á síndrome de Down".

Pola súa banda, a concelleira de Benestar Social e Deportes declarou estar moi orgullosa do traballo da Asociación e incidiu na importancia do programa "Yo me prep@ro": unha acción que, nas súas palabras, "parece digna de ser coñecida e recoñecida".

Durante a súa intervención, o responsable de Administracións Públicas de Vodafone España en Galicia destacou a importancia da formación en Novas Tecnoloxías para a inclusión laboral das persoas con síndrome de Down e quixo agradecer a súa involucración aos participantes do programa: "é un orgullo o que conseguistes; pola nosa banda, puxemos á vosa disposición as ferramentas para que vós poidades aprender e acceder a un emprego".

O presidente de Down Pontevedra - Xuntos explicou o programa, que definiu como "un ambicioso proxecto de formación nas Novas Tecnoloxías para persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais co que se pretende facilitar a súa inserción laboral".

Durante o acto tamén interveu a xerente de Panaderías A Devesa, unha das empresas recoñecidas, que contou a súa experiencia coa contratación de Helga García, participante do programa "Yo me prep@ro": "Todos os comezos son complicados pero Helga tivo que ir un paso máis aló porque estaba en todas as tendas, tivo que coñecer e adaptarse a once encargadas diferentes, once equipos de traballo e once costumes. A verdade é que foi un pracer a experiencia". Pola súa banda, Helga destacou a relación cos seus compañeiros de traballo: "Gustoume moito traballar en Panaderías A Devesa, tiven moi boas compañeiras que me axudaron".

 

O programa "Yo me prep@ro". 

O obxectivo do programa "Yo me prep@ro", que celebra a súa cuarta edición, é proporcionar ás persoas con discapacidade intelectual as ferramentas e estratexias necesarias en aspectos clave como o uso adecuado das TIC: programas informáticos, navegación por Internet, acceso a redes bancarias informatizadas ou aplicacións móbiles. Todo co obxectivo de axudarlos a salvar a fenda dixital que lles pode condicionar á hora de atopar un posto de traballo normalizado, mellorar a súa autonomía e levar unha vida o máis plena e independente posible.

Nesta edición recibiron formación en novas tecnoloxías 8 usuarios/as de Down Pontevedra Xuntos, que adquiriron as competencias necesarias para poder desempeñar un posto de traballo coa normalidade e eficacia de calquera empregado/a. Estes/as alumnos/as da provincia de Pontevedra sumaranse a outros/as en diversas provincias, alcanzando un total de 960 mozos que recibirán esta formación en toda España.

Na súa formación contan co apoio de catro novos vídeo-tutoriais que a través dunha linguaxe sinxela e accesible, reforzarán os coñecementos ofrecidos no proxecto, e permitirán a calquera usuario/a comprender como se obtén e para que serve o DNI electrónico, descargar apps para Smartphone ou manexar con soltura aplicacións como WhatsApp.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Vodafone España
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal