Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Galisenior.

Galisenior presentou as claves 'para vivir máis e mellor'

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 14/05/18 (12:32)
  • O salón para persoas maiores de Expourense reúne a máis de 3.500 persoas maiores e 300 asistentes de Galicia e Portugal nas súas xornadas técnicas profesionais
 
"A vellez non é unha cuestión de idade, senón de actitude". Isto foi o que demostraron as máis de 3.500 visitas que durante dous días, o 9 e 10 de maio participaron activamente no programa de Galisenior, en Expourense que presentaba máis de 50 opcións que promovían un envellecemento saudable e autónomo. Baile, deporte, pilates e risoterapia foron algunhas das actividades con maior seguimento. "Iniciativas que contribuíron a proxectar unha imaxe positiva da vellez reivindicando ao mesmo tempo o papel activo dos maiores na sociedade".
 
Galisenior 2018 concluíu a súa undécima edición convertida no punto de encontro de todos os axentes sociais vinculados o sector do maior. Administracións, empresas e profesionais presentaron nesta cita as ferramentas necesarias para garantir a calidade de vida dos maiores. "Xa non é suficiente con vivir máis, o obxectivo é agora vivir mellor". Durante esta segunda xornada do salón recibiuse a visita de varias asociacións de maiores procedentes de distintos puntos de Galicia como A Coruña, Ferrol, Vigo, Bueu, Chantada, A Estrada ou Silleda, entre outras. Isto converte ao asociacionismo é un dos alicerces básicos para garantir un envellecemento activo e saudable. 
 
Precisamente a organización de Galisenior quixo agradecer o labor destas asociacións que fixeron posible unha edición máis do salón entregándolles unha placa conmemorativa. Na cerimonia de entrega participaron a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Ourense, Sofía Godoy; a xefa de servizo da Consellería de Política Social, María José Fernández Laso; o codirector da Cátedra Cruz Vermella da USC, Manuel Mayán; o coordinador das Aulas de Maiores da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero; e o presidente da Confederación Galega de Maiores (Cogama) José Piñeiro. Este último, aos 92 anos, e igual que ocorreu no acto inaugural con Elisa Soria (presidenta da Asociación de Maiores de Teléfonica), foi recoñecido neste acto por representar o espírito deste salón, xa que coordinou a participación de 50 dos seus asociados de toda Galicia nesta cita.
 
Ademais de Cogama, tamén visitou Galisenior a Federación de Pensionistas de CC.OO. Galicia que combinaron a participación no salón cunha visita guiada á cidade de Ourense. 
 
 
Xornadas profesionais e para maiores
No apartado das Xornadas Técnicas Profesionais, a Universidade de Vigo presentou o seu 'Programa para Maiores', así como o proxecto europeo KIPAM (Knowledge is power, age ain´t matter ou 'o coñecemento é poder, a idade non importa') de ensino universitario para persoas maiores. Na mesma mesa participou tamén a Real Institución Benéfico Social Pai Rubinos que puxo en marcha unha experiencia interxeneracional que conta co apoio da Fundación Amancio Ortega. O Grupo de Investigación en Xerontoloxía da Universidade da Coruña presentou ademais a aplicación clínica das súas investigacións e os seus programas de prevención da fraxilidade dos maiores. Entre outros temas tratouse o empobrecemento das persoas maiores e do fomento de hábitos saudables para envellecer acticamente. Estas xornadas foron seguidas entre os dous días por preto de 300 asistentes de Galicia e do Norte de Portugal.
 
En canto ás actividades de feira, destacou o taller de risoterapia no que participaron un cento de maiores. Entre as actividades celebradas pola tarde destacou o encontro interxeneracional de ludoterapia coordinado pola Deputación de Ourense coa colaboración do centro Cultural Xaquín Lorenzo, do Colexio de Educadores Sociais, da Universidade de Vigo e das Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal). Esta última, entre outras moitas actividades, celebrou tamén un taller de ioga para maiores e unha charla taller sobre a imaxe das persoas maiores nos medios de comunicación, co xornalista Víctor Sariego, de Entremayores. Destacaron por último actividades socioeducativas con cans e o taller de musicoterapia xerontolóxica organizado polo Instituto Xerontolóxico de Galicia e a Cátedra Cruz Vermella da USC que puxeron o broche final a esta edición.
Tema: Xeral
Fonte: entremayores
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Galicia