Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Reunión do xurado na Deputación de Ourense.

O proxecto Fálame de San Sadurniño, premiado pola Deputación de Ourense

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 19/04/18 (15:08)

O proxecto Fálame de San Sadurniño, a iniciativa do concello coruñés para dar voz e visibilidade á veciñanza pola vía das novas tecnoloxías e os contidos audiovisuais, vén de obter un importante recoñecemento por parte da Deputación de Ourense. Estamos a falar do Premio Rodolfo Prada á xestión cultural, cuxo xurado reuniuse onte no pazo provincial para examinar as candidaturas presentadas e elixir os proxectos galardoados nas tres modalidades do certame. Así, o premio para profesionais da xestión cultural foi para o proxecto web de dinamización social e tecnolóxica Fálame de San Sadurniño, presentado por Carmen Suárez Nieto. 

Pola súa banda o recoñecemento a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para o Festival Arteficial, presentado pola Asociación Cultural Ecolóxico Educativa Arteficial. Por último, a distinción a proxectos vinculados á Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural foi para a iniciativa Unitaria, presentada pola Asociación Amigos, si, pero a vaquiña polo que vale.

Os galardóns do certame Rodolfo Prada, instaurado pola Deputación de Ourense para salientar e reivindicar a figura do senlleiro ourensán que lle dá nome, impulsor do movemento político-cultural máis importante da galeguidade en América, serán entregados o sábado 5 de maio, no marco da celebración da feira da creatividade e as novas tecnoloxías Ourense ICC Week. O xurado estivo integrado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, en calidade de presidente; e como vogais, por parte da Asociación Galega de Xestores Culturais: Alberto García Sánchez, Cristina Rodríguez Labandeira e Carlos Lorenzo Pérez; por parte da Deputación de Ourense: Luís González Tosar, Antonio Piñeiro, Juan Rivas e Manuel Araujo; e por parte da Asociación Rodolfo Prada, Francisco González. A Deputación de Ourense, a través deste galardón, que ten como obxectivo distinguir a persoas, proxectos ou colectivos que “se signifiquen pola xestión de iniciativas de carácter cultural con referencia á cultura galega, destina un total de 6.000 euros en premios”.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal