Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Juan Pardo, director da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo.

Máis de 180 equipos de toda Galicia mediranse na competición de robots da EE Industrial de Vigo

Versión para impresiónSend by email
Vigo, 16/02/18 (09:20)

A organización da competición de robots da Escola de Enxeñaría Industrial (Campus de Vigo) vén de informar da presenza no torneo de 185 equipos confirmados de todos os recantos de Galicia medindo forzas e enxeños o vindeiro 4 de maio. A proba, que vai pola súa cuarta entrega, acadou coa devandita cifra un récord de participación, e máis se temos en conta que, contando os membros dos ditos equipos, estariamos a falar dun milleiro de participantes. Estas cifras foron valoradas moi positivamente por Juan Pardo, director da EEI, quen recoñece que se ben a previsión era atopar unha boa resposta, as cifras de participación finalmente acadadas superaron as expectativas. 

En total, para a cuarta edición da proba, rexistráronse máis de 170 equipos na categoría Wall-E, dirixida a alumnado da ESO e Bacharelato, e 15 equipos na R2D2, para alumnado de titulacións superiores e outras persoas interesadas. A competición realizarase por equipos, que deberán deseñar, construír e poñer en funcionamento cadanseu robot a partir dun kit básico que lles entrega a organización da proba.

Cun total de 60 equipos, o 1º curso de Bacharelato é o que máis inscricións rexistrou, seguido de 2º da ESO con 41 e 4º da ESO con 37. Por provincias, a de Pontevedra sitúase á cabeza en canto á procedencia dos centros participantes, cun 63% do total, seguida de a de A Coruña con case un 34%. Asemade, cóntase con algúns centros das provincias de Lugo e Ourense, pero son maioría os de Pontevedra e A Coruña que van tomar parte nesta competición, coa que se busca que o alumnado, en especial as mozas, perdan o medo ás disciplinas STEAM (Science, Technology, Engineering, Art and Mathematics), sobre todo no caso dos estudos de enxeñaría.

Superada a barreira dos 1000 participantes, a organización da competición está a considerar introducir algunhas modificacións respecto a anteriores edicións, “dunha banda, estudamos a posibilidade de habilitar algunha aulas para que alí as e os participantes poidan poñer a punto os seus robots e, da outra, pensamos en implantar algunhas melloras tecnolóxicas na medición dos tempos, para facelo dun xeito máis profesional”, explica o director do centro. A competición de robots está organizada pola Escola de Enxeñería Industrial en colaboración coa rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Enginieers e a sección de estudantes da International Society of Automation da Universidade de Vigo.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal