Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
"Ben empregado".

A Deputación de Lugo combate a exclusión laboral con community managers , mecánicos e expertos en mercadotecnia

Versión para impresiónSend by email
Lugo, 16/01/18 (08:38)

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, comprobou hoxe de primeira man a pegada social e laboral que deixa o programa da entidade provincial para favorecer a contratación na provincia, abranguendo tamén colectivos en risco: o programa Ben Empregado. Máis polo miúdo, mantivo este luns unha xuntanza con tres persoas beneficiarias desta iniciativa (terceira edición), tres novos traballadores que retomaron o fío da actividade laboral en dúas entidades de Cospeito, contando coa colaboración das entidades COGAMI e FADAS co fin de promover a súa inserción. 

Segundo lembrou no encontro Darío Campos, a día de hoxe un total de 28 lucenses con capacidades diversas ou en risco de exclusión están a traballar xa en empresas da provincia. Tamén recordou que Ben Empregado é un programa que favorece a contratación co financiamento, por parte da Deputación, do cen por cen cos custes laborais dos novos traballadores en establecementos de autónomos e PEMES da provincia. Co temos sinalado en repetidas ocasións, moitas destas ocupacións teñen relación directa coas novas tecnoloxías da información. Sen ir máis lonxe, unha das profesionais que participou na visita de Darío Campos traballa de responsable de comunicación web e redes sociais (community manager). 

Na cita, amais do presidente da Deputación, participou a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo. Estiveron acompañados polos representantes das empresas contratadoras, o deputado da Terra Chá, Eduardo Vidal Baamonde, así como de membros de COGAMI e FADAS (que se encargan do Servizo de Intermediación Laboral do Ben Empregado)

Campos Conde salientou que “coa terceira edición do Ben Empregado ofrecemos por vez primeira financiar na súa totalidade os custos laborais de lucenses desempregados de colectivos vulnerables dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas e máis social, que traballa pola igualdade de oportunidades”. Respecto dos bos resultados que están a acadar as diferentes edicións da iniciativa, engadiu que “é unha satisfacción comprobar que somos útiles e capaces de romper calquera tipo de barreira con compromiso e sumando esforzos”. 

Como dixemos, entre as persoas que participou hoxe na xuntanza atopábase unha experta en redes e comunicación dixital: Raquel, veciña de Castro de Rei, que traballa como comunity manager na casa rural Pazo de Verdes, en Cospeito, xestionando as redes sociais e a páxina web deste establecemento. Na visita tamén participaron Francisco, veciño de Lugo de 48 anos, que tamén traballa en Pazo de Verdes, realizando as funcións de xardinería, mantemento e carpintería; e Gonzalo, natural de Cospeito e de 50 anos, que traballa grazas a Ben Empregado en Saiga Muimenta, unha empresa de Cospeito adicada ao comercio ao por maior de maquinaria para o sector agroalimentario, á reparación desta maquinaria nos seus talleres e á venda de recambios. 

Darío Campos engadiu que son un total de 28 os lucenses de colectivos vulnerábeis que estaban no paro e hoxe están a traballar en empresas da provincia grazas ao Ben Empregado 3 da Deputación: 1 traballa nunha empresa da Mariña, 12 da Terra Chá, 11 da Comarca de Lugo, 1 da Comarca de Sarria, 1 da Montaña e 2 de Lemos.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal