Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
"Nadal da TIC".

'Nadal da TIC' reúne a numerosos maiores de 55 anos de Lugo

Versión para impresiónSend by email
Lugo, 12/01/18 (14:36)
  • A xornada, organizada no InLugo pola Fundación TIC da Deputación lucense, achegou as novas tecnoloxías da información e a comunicación ás persoas maiores
 
Numerosos lucenses de máis de 55 anos participaron na xornada 'Nadal da TIC' que se celebrou en horario de mañá e tarde no InLugo, entidade xestionada pola Fundación TIC da Deputación de Lugo. O Presidente provincial, e da mencionada fundación, Darío Campos, o patrón e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sumáronse á xornada compartindo as actividades coas persoas maiores.
 
Campos subliñou que “é unha satisfacción para nós comprobar como os maiores que se achegan ás TIC aprenden a sacarlle o mellor partido ás novas tecnoloxías e como se implican en todo o que facemos. Neste caso, ademais da parte didáctica, matizou, "engádeselle un ámbito máis lúdico e divertido, que contribúe a favorecer as relacións entre eles e tamén cos seus amigos e familiares a través das novas tecnoloxías”. No encontro 'Nadal da TIC' os participantes poden crear música e sons con diversas app, ser os protagonistas dun calendario de 2018 e recibir consellos sobre os mellores hábitos de alimentación. 
 
Ao son das tabletas
Campos, Santos e Méndez formaron parte do coro que interpretou 'Noite de paz' ao son do teclado das tabletas que tocaban varios dos usuarios que estiveron a ensaiar estes días para que todo saíse perfecto. Esta panxoliña formou parte do obradoiro 'TIC Sonoro', no que os maiores teñen acceso a diversas apps con forma de piano ou cordas de guitarra, coas que poden crear música e sons.
 
TIC saudable
Nesta xornada tamén tivo cabida a alimentación saudable nun obradoiro pensado especialmente "para estas datas de excesos gastronómicos". Ademais de recibir información sobre as dietas máis saudables para a poboación en xeral, e as persoas maiores en particular, os participantes "tiveron a oportunidade de elaborar receitas saudables sinxelas que despois degustaron a media mañá e repetirán á hora da merenda".
 
O 'Nadal da TIC' inclúe moitas outras actividades, concluíron os seus organizadores. Entre elas, as relacionadas coa imaxe, tanto desde o punto de vista da fotografía como do audiovisual. Os maiores coñecen o funcionamento do 'croma' e elixiron entre numerosas paisaxes con ambientación de Nadal, a maioría da propia provincia de Lugo. Finalmente entregóuselles un calendario de 2018 coa súa foto, que levaron ás súas casas como recordo.
Tema: Xeral
Fonte: entremayores
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Suxestións e queixas | Aviso Legal | Atendémolo/a
Galicia